O bus urbano deixa de ser gratuíto en Lugo desde este luns

No proceso de desescalada, o pago realizarase preferentemente coa tarxeta cidadá para reducir o risco de contaxio

Un bus urbano de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Un bus urbano de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

O bus urbano de Lugo deixa de ser gratuito desde o luns 25, o día no que Galicia entra na fase 2 da desescalada tralo confinamento decidido para frear a expansión do coronavirus. Deixa de ter efecto así unha medida adoptada polo Concello co inicio da crise sanitaria e que agora, "co inicio da volta á normalidade", ve preciso eliminar.

Un bus urbano de Lugo con una mampara. CONCELLOExplicouno este domingo o tenente de alcalde e responsábel da área de mobilidade e infraestruturas, Rubén Arroxo, quen —a través dun comunicado— detallou tamén que se colocaron mamparas de protección "para reducir o contacto entre persoal e usuarios e usuarias do bus".

Recuperado o pago, o Concello pide que durante o proceso de desescalada se realice preferentemente coa tarxeta cidadá, para reducir o contacto entre o persoal e os usuarios do transporte público. 

Arroxo recordou, ademais, que coa tarxeta o prezo do billete redúcese de 0,64 euros a 0,45, ou a 0,19 euros no caso dos transbordos. "Estes prezos poden reducirse aínda máis no caso de ter dereito a algunha bonificación, no caso de estudantes, desempregados, persoas con mobilidade reducida e pensionistas", apuntou.

Para conseguir a tarxeta cidadá hai que cubrir o formulario 101 na web do Concello e pagar unha taxa de 3,09 euros nunha oficina de Abanca. Despois, debe pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro é como mínimo de 5 euros, cun máximo de 60.