martes. 17.05.2022 |
El tiempo
martes. 17.05.2022
El tiempo

"O perfil do traballador en Lugo supera os 50 anos e é autónomo"

José Bouso Alvite. VICTORIA RODRÍGUEZ
José Bouso Alvite. VICTORIA RODRÍGUEZ
Sempre estivo aí, pero na sombra, detrás de Hipólito Trinidad Losada. Agora tócalle dar a cara e encabezar a asociación provincial de construtores. José Bouso Alvite afronta este reto sabendo xa o que se coce nun sector inestable desde a crise económica de hai dez anos

A PRIMEIRA vez que foi de obras tiña 16 anos e aos 25 convertiuse xa en empresario. José Bouso Alvite leva toda a vida vinculado á construción, antes mesmo de que comezase a traballar sendo aínda un rapaz. Dalgunha maneira, mamou o oficio na casa, en Bretoña (A Pastoriza), pois o seu pai era canteiro. Poucos coma el terán unha visión tan poliédrica dun sector económico que, ata hai unha década, era un dos máis fortes da provincia.

É vostede o cuarto presidente da Asociación Provincial de Empresarios de la Construcción, detrás de Manuel Castro Gil, Constantino Vila e Hipólito Trinidad, que levaba xa tres décadas. Como é que aterrizou no cargo?

Sempre estiven aí, con Hipólito. Estaba na negociación dos convenios colectivos, fun secretario e vicepresidente... así que non me quedou otra: ou rechazar o cargo ou axudar.

Leva xa medio ano presidindo aos construtores. Pesa moito o cargo?

É unha asociación grande. Somos 800 construtores, que damos traballo a 3.000 persoas.

"O convenio colectivo do sector da construcción está por riba do da hotelería e tamén do comercio"

Hai pouca iniciativa neste sector?

A sociedade cambiou moito. Hoxe sinxelo non é pero hai menos iniciativa. Onde máis traballo hai é nas reformas e rehabilitacións. De canteiro —como meu pai—, hai traballo e os de Lugo van traballar por toda España, pero hai pouca xente nova que se dedique a iso.

Non herdou vostede a canteiría?

Cando aínda era un neno, lembro que unha vez axudeille a meu pai e a outros compañeiros a subir o barro nunha casa que estaban a facer. Sempre foi unha ilusión que tiven e quixen ir con eles. Na casa non querían que fose. O caso é que estou nas obras desde os 16 anos e foi porque vía o traballo de meu pai e gustábame o que facía, pero eu empecei de albanel. Dez anos despois, formei unha pequena empresa con traballadores.

Cal é o perfil do traballador da construción en Lugo?

O perfil do traballador da construción en Lugo supera os 50 anos e moitos deles son autónomos, xente que quedou sen traballo hai unha década, na anterior crise económica, e acabou montando unha pequena empresa con dous ou tres traballadores para facer reformas. Eses son a maioría. En canto a xente nova hai pouca. Hai algúns, que andan polos 30 anos, que se dedican a facer traballos en altura de construción, pero son moi poucos.

Por que hai tan poucos traballadores novos na construción?

Hoxe en día, o traballador que atopas é de 50 anos para arriba. Fanse cursos na Fundación Laboral da Construción e é difícil enchelos. Tamén hai convenios das empresas coa FP Dual e ninguén quere matricularse. Esa é a situación.

Será porque os soldos que se pagan na construción son pequenos?

Na FP Dual hai un soldo pequeno, pero eu aprendín sen cobrar. Polo demais, o convenio da construción en Lugo está por riba doutros como poden ser o da hostelería ou o do comercio.

Será, logo, que é un traballo duro?

Traballo duro tampouco se pode chamar hoxe. Pode ser perigoso en certa maneira, pero era máis duro cando eu empecei.

Teñen dificultades os empresarios para atopar traballadores?

Si porque, coa crise de hai dez anos, adelgazáronse as plantillas e foron quedando uns poucos, os mellores. O resto quedou no paro e a maioría fixéronse autónomos. Conseguir que esta xente volva é complicado. Por iso, nótase agora a falta de xente preparada.

Solucionan coa inmigración?

Hai que facer un traballo de selección da inmigración. Necesítase que os traballadores que veñen de fóra estean formados. O ideal sería contratar a xente xa formada. O problema que hai en España é que hai xente que está cobrando o paro e non lle interesa traballar porque fai outras actividades en negro e compénsalles máis estar así. O paro debera ser só para casos extremos porque, se non, propíciase o fraude e o traballo clandestino, sen Seguridade Social. Ou, polo menos, a quen cobra o paro deberíaselle dar algún tipo de ocupación pola mañá e pola tarde para que, finalmente, non caia na economía sumerxida.

Como lles foi coa crise ás empresas da construción?

Ás de reformas foilles ben. Para o resto foi complicado manter o gasto que supón unha estrutura dunha empresa grande. As axudas que dará agora a Xunta para a eficiencia enerxética darán traballo nos próximos meses. Tamén haberá bastante obra pública da Administración autonómica.

Estoupou totalmente a burbulla inmobiliaria en Lugo?

Non hai xa burbulla. O que se fai, faise con recursos propios. Agora mesmo, hai menos obras en construción ca antes, pero aínda hai.

En que medida a lentitude na tramitación de licenzas urbanísticas no Concello paraliza a actividade da construción?

A concesión de licenzas debería ser máis áxil. Está a haber un ano de agarda pero tampouco se poden valorar esas repercusións agora porque nestes meses quen paralizou todo foi o covid e aínda que se edificase máis rápido, quizais non se chegaría a vender vivenda.

Subiron os prezos dos pisos?

Pouco subiron.

Baixaron moito logo?

Os prezos máis altos pagáronse entre os anos 2004 e 2007. Despois, baixaron moito aínda que iso variou segundo o volume de construción que houbese. Na Mariña, por exemplo, houbo baixadas de ata o 60 por cento en Barreiros e en Foz, por un exceso de oferta. En Ribadeo e Viveiro, non foi así.

E en Lugo?

En Lugo houbo un exceso de prezos e despois unha realidade. Moitos promotores compraron o chan por riba do seu valor. Despois tiveron que poñer un prezo excesivo á vivenda nova e non venderon.

"Urxe aprobar un cambio no Pepri para rehabilitar casas no centro"

Que porcentaxe de empresas da construción caeron en Lugo na anterior crise económica?

Moitas, case a metade. Pódese dicir que o 45 por cento das empresas asociadas caeron na última crise en Lugo.

E onde se meteron os traballadores desas empresas que tiveron que pechar?

Algúns, na hostelería; outros fóronse para as aldeas e dedícaronse á agricultura e gandeiría... pero moitos fixéronse autónomos e constituíronse como pequenos empresarios traballando pola súa conta.

Hai moitos pequenos empresarios na asociación provincial de construtores?

A maioría. Agora mesmo, pódese dicir que o 90 por cento dos nosos asociados son pequenos empresarios que montan unha empresa de reformas cunha media de tres a dez traballadores. Eles son os que máis recorren á asociación para o servizo de prevención de accidentes ou a asesoría xurídica, por exemplo.

Como están os solares en Lugo? Teñen falta de terreo para promover obras novas?

Non, hai solo para dar e tomar! O que si urxiría sería que o Concello modificase o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri), que é o que rexe dentro de murallas.

Hai moita casa por tirar no casco histórico?

Hai algunha que tirar pero hai máis que rehabilitar.

Como está a afectar a pandemia ao sector?

O covid parou a construción de edificios. A situación económica é complicada e convén agardar antes de facer un investimento e decidirse a promover unha obra.

Por que? Porque pode haber baixas nas plantillas de traballadores e non poder rematar as obras?

Si, podería haber caídas das plantillas polo covid pero o máis importante é a crise económica que a pandemia está a xerar. Se non hai cartos, non se vende vivenda. Entón, non vale a pena investir.

Nestas circunstancias, estalle a resultar máis difícil presidir os construtores que presidir o Club Deportivo Lugo?

Todo é difícil. Depende tamén da implicación que teñas en cada posto. O fútbol é complicado e isto tamén. O sector da construción depende máis da estabilidade económica que haxa nos próximos meses. Son cousas distintas pero ámbalas dúas difíciles.

"O perfil do traballador en Lugo supera os 50 anos e é autónomo"
Comentarios