O BNG solicitará que a contorna da fonte de San Vicente sexa declarada Ben de Interese Cultural

Rubén Arroxo anuncia que iniciarán os trámites para que o casco histórico de Lugo sexa recoñecido como Patrimonio da Humanidade

Un grupo de turistas, frente a la fuente de San Vicente. XESÚS PONTE
photo_camera Un grupo de turistas, fronte á fonte de San Vicente. XESÚS PONTE

O grupo municipal de BNG solicitará o inicio dos trámites administrativos para que a contorna da praza do Campo, onde se atopa a coñecida fonte de San Vicente, sexa declarada Ben de Interese Cultural (BIC), así como que esa xestión sirva como primeiro paso para buscar que o centro histórico da cidade de Lugo sexa considerado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, expresou a súa "preocupación" polo estado no que quedou a fonte de San Vicente despois de ser vítima dun novo acto vandálico a pasada fin de semana, cando dous mozos se empolicaron á estatua do santo, que foi restaurada despois de quedar totalmente esnaquizada en 2016.

Lembrou a responsabilidade da Xunta de Galicia na protección dos elementos patrimoniais e anunciou que o BNG pedirá que inicie "de inmediato" o proceso para recoñecer como BIC "a fonte de San Vicente e a súa contorna".

Ademais, pedirá que "se aproveite a ocasión para iniciar os trámites para que o centro histórico da cidade sexa declarado Patrimonio da Humanidade".

Lugo xa conta con tres elementos Patrimonio da Humanidade: A Muralla romana, o Camiño Primitivo e a Catedral.

Comentarios