O BNG pide que se faga público o expediente pola retirada do escudo do Lucus Augusti

En cumprimento da Lei de Memoria Histórica, a Xunta tapou o emblema cunha placa hai agora un ano

Escudo franquista en la fachada del Instituto Lucus Augusti. AEP
photo_camera Escudo franquista en la fachada del Instituto Lucus Augusti. AEP

A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, presentará unha iniciativa no Parlamento galego para que a Xunta faga público o expediente que provocou a liorta entre os gobernos autonómico e o local pola actuación co escudo franquista da fachada do instituto Lucus Augusti.

En cumprimento da Lei de Memoria Histórica, a Xunta tapou o escudo cunha placa hai agora un ano e, o mes pasado, o Concello abriulle un expediente por facer obras nun edificio que está catalogado, argumentou. A Administración autonómica replicou que a intervención na fachada do instituto foi coñecida e autorizada polo propio Concello un ano antes, xa que a Xunta actuou con informe positivo da Dirección Xeral de Patrimonio e tras pagar as correspondentes taxas municpais. Ademais, dáse a circunstancia de que a Xunta tapou do mesmo xeito o escudo do instituto Ollos Grandes e, en cambio, esta actuación non motivou ningún expediente municipal.

O venres, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asegurou que manterá os escudos tal como están agás que reciba unha sanción do Concello. Considera que acreditou a legalidade da obra, polo que di que descubrirá o emblema só se lle obriga a administración local.

Rodil lembrou que o BNG fixo un importante traballo para retirar simboloxía franquista das rúas de Lugo

As declaracións de Balseiro inquietan ao BNG, que ve "predisposición para sacar á luz os escudos franquistas".

Rodil lembrou que o BNG fixo un importante traballo para retirar simboloxía franquista das rúas de Lugo e anunciou que seguirá presentando iniciativas nas administracións nese sentido. "Ademais do que marca a Lei de Memoria Histórica, tense demostrado que a grande maioría da poboación non comparte que se siga homenaxeando a un réxime ditatorial que cometeu auténticas atrocidades", afirma a parlamentaria nacionalista pola provincia de Lugo.

Comentarios