O BNG pide explicacións no Parlamento polo peche do Laboratorio de Saúde Pública

Rodil lamenta que aínda non se fixese pública a causa da contaminación

Laboratorio de salud pública de Galicia. EP
photo_camera Laboratorio de Saúde Pública Galicia. EP

A parlamentaria do BNG Olaia Rodil presentou unha serie de preguntas na comisión de Sanidade da Cámara autonómica para buscar explicacións pola "recente clausura do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia", situado na sede da Consellería de Sanidade en Lugo.

Recordou que ese laboratorio leva xa un mes pechado, despois de que a Xunta de Galicia decidise suspender a súa actividade en decembro de 2018, por mor das denuncias por parte de varios traballadores do centro sobre diversas molestias, como picores, dificultades para respirar e incluso problemas gástricos.

"A finais do pasado ano fíxose público que parte do cadro de persoal do laboratorio, formado por 50 persoas, así como traballadores doutras áreas sanitarias próximas a este, sufrían diversos síntomas que estarían relacionados co mal estado do aire nesa zona do edificio", precisou, "como mareos, picor nos ollos ou problemas estomacais".

Eses problemas "de saúde laboral foron denunciados ante a Inspección de Traballo", dixo Rodil, quen lamentou que a día de hoxe "non se fixo pública aínda a causa da contaminación" nin se explicou por parte dos responsables sanitarios "os seus efectos.

Rodil espera que Sanidade explique os resultados dos estudos realizados por unha empresa especializada, contratada pola Xunta de Galicia, para identificar "a causa da contaminación do aire no edificio". 

Comentarios