O BNG levará ao Congreso a polémica polo alumeado das entradas a Lugo por estrada

Néstor Rego presentará unha iniciativa para "revisar os criterios" do Ministerio de Transportes, que non garanten a seguridade nas estradas galegas

Rubén Arroxo y Néstor Rego. EP
photo_camera Reunión telemática entre Rubén Arroxo e Néstor Rego. EP

 O portavoz do BNG e tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo unha xuntanza telemática co deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, na que abordaron a situación do alumeado público nos viais de entrada á cidade de Lugo dependentes do Goberno central. Arroxo explicou que "o Ministerio de Transportes mantén sen alumear as distintas entradas a Lugo, tanto por estrada como polas distintas autovías".

"Transportes calcula as necesidades de alumeado pensando no tráfico de diario de cidades como Madrid, que non se corresponden coa realidade de Galiza", alega Rubén Arroxo, que critica que o ministerio non ten en conta que en Galiza "temos días máis escuros nos meses de inverno e máis precipitacións, o que fai a circulación máis insegura".

Arroxo: "O Goberno calcula o alumeado pensando en cidades como Madrid, que non se corresponden coa realidade galega"

O BNG presentará no Congreso, a través do nacionalista Néstor Rego, unha iniciativa para revisar estes criterios e garantir a seguridade viaria na comunidade.

Rego explicou que "esta cuestión é especialmente importante nas entradas aos núcleos de poboación". "Desde o BNG traballaremos para que o goberno garanta as mellores condicións nas infraestruturas galegas", sentenciou.
 

Comentarios