O BNG pide a retirada de toda simboloxía franquista das fachadas lucenses

O portavoz do grupo municipal, Rubén Arroxo, sinala que estes tipos de emblemas aínda se conservan en dous edificios públicos da cidade

Escudo franquista en la fachada del edificio de Hacienda en Lugo. AEP
photo_camera Escudo franquista en la fachada del edificio de Hacienda en Lugo. AEP

O grupo municipal do BNG de Lugo solicitou a retirada dos símbolos franquistas que aínda sobreviven nas fachadas de dous edificios públicos na cidade, concretamente na Delegación de Sanidade da Xunta de Galicia, na rúa Montevideo, e na sede de Hacienda, na Rúa da Raíña.

O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, dixo que “agora o Goberno central quere sacar a Franco do Val dos Caídos, pode comezar dando exemplo coa retirada da simboloxía franquista dos seus edificios”, dado que segue incumprindo “a Lei de Memoria Histórica”.

“Despois do avance que se deu en Lugo con este tema, entendemos que nin a Xunta nin o novo Goberno do Estado terán problema para efectivizar a retirada”, engadiu.

O portavoz do BNG recordou que en Lugo, do mesmo xeito que noutras cidades, aínda quedan moitos edificios que teñen pequenas placas nas súas fachadas con símbolos da Falange, polo que instou o Concello “a establecer un procedemento para a súa retirada”.

Comentarios