O BNG chama os lucenses a enviar postais a Feijóo pedindo un xulgado de violencia de xénero

"Non pode haber mulleres de primeira e de segunda en canto a medios para plantar cara a unha situación de violencia machista”, alegou Pontón

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este mércores un xulgado específico contra a violencia machista para Lugo repartindo postais entre a veciñanza para facer un envío masivo con esta solicitude á residencia oficial do presidente da Xunta. “O obxectivo é que tome nota de que hai que traballar para conseguir este xulgado porque unha muller cando denuncia violencia machista ten dereito a recibir a mellor atención posible, e iso require persoal cualificado e medios para que o proceso se faga de xeito adecuado e rápido”, salientou a sarriá.

A dirixente do Bloque indicou que outras cidades xa dispoñen deste servizo, “e as mulleres de Lugo teñen dereito a ter a mesma atención que as de Compostela, Coruña ou Vigo". "Non pode haber mulleres de primeira e de segunda en canto a medios para plantar cara a unha situación de violencia machista”, concluíu.

O acto de reparto de postais reivindicativas na Praza Maior da cidade forma parte da campaña que o Bloque leva meses desenvolvendo en aras de acadar esta infraestrutura,  nesta ocasión coa presenza da portavoz nacional, a deputada por Lugo Olalla Rodil, o candidato a Alcaldía e portavoz municipal Rubén Arroxo, e a concelleira Maite Ferreiro, xunto con outros responsables locais e comarcais.

Tras a recollida de sinaturas, a campaña aposta agora por este envío reivindicativo de postais, “para encher Monte Pío con esta demanda e conseguir que, dunha vez por todas, podamos contar con esta infraestrutura porque neste momento as mulleres que teñen que acudir ao xulgado a declarar non teñen ningún espazo axeitado nin para elas, nin para as súas crianzas”, alegou Ferreiro.