O bispo aplaude as festas porque serven para "reordenar os horizontes da vida"

A cidade presentou a ofrenda a San Froilán nunha cerimonia austera e que reuniu a pouco máis dun cento de persoas ►Carrasco Rouco invitou a mirar cara á Igrexa e a vivir coma o santo "porque da fe medran árbores moi grandes", dixo
Un momento da cerimonia da ofrenda da cidade de Lugo ao seu patrón, San Froilán. ADRA PALLÓN
photo_camera Un momento da cerimonia da ofrenda da cidade de Lugo ao seu patrón, San Froilán. ADRA PALLÓN

A catedral acolleu este martes a ofrenda do pobo de Lugo ao seu patrón, San Froilán, presentada como sempre pola alcaldesa, Lara Méndez, e outros membros da corporación municipal, e, na súa homilía, o bispo, Alfonso Carrasco, celebrou "as festas, porque tamén serven para reordenar cales son os horizontes verdadeiros da vida". Deu as grazas porque as familias e os amigos se poidan reunir "nesta mesa" e por que aqueles que xa non están o poidan facer "naquela outra".

Carrasco Rouco celebrou que haxa "máis normalidade" tras moito tempo de fortes restricións na vida cotiá, pero a cerimonia deste martes estivo lonxe aínda de parecerse ás precovid. Pouco máis dun cento de persoas acudiron á sé, descontadas aquelas que, dun xeito ou doutro, tiveron participación nela, como a corporación municipal, os membros do clero e o Orfeón Lucense, que interpretou varias pezas con Luis Varela Castiñeira ao órgano. A outras púxolle voz outro coengo, David Varela Vázquez.

Un momento da cerimonia da ofrenda da cidade de Lugo ao seu patrón, San Froilán. ADRA PALLÓN

A cerimonia comezou cunha narración da biografía do santo nado en Lugo e enterrado en León, onde foi bispo, aínda que dende 1614 na catedral de Lugo tamén se conservan algunhas reliquias, en concreto unha tibia e uns corporais que usaba para dicir misa. O martes amosáronse nun relicario de prata con forma de brazo erguido que adoita estar no museo catedralicio e que, un ano máis, o bispo empregou para bendicir os asistentes. Ao termo da eucaristía, os fregueses puideron achegarse e veneralo, pero a distancia, sen tocalo, por mor das normas sanitarias.

A ofrenda ao santo, en forma de frores e froitos do campo, presentárona dúas nenas xunto á alcaldesa. Foi despois dunha homilía na que Carrasco Rouco afirmou que, "volvendo a mirada cara ao Señor, florece a nosa existencia". Esa certeza vese –dixo– en moitas persoas que viven como viviu San Froilán, en alusión á traxectoria de renuncia e dedicación e amor ao pobo que tivo o santo nado no lucense Regueiro dos Hortos. "Marchou da súa casa, pero atopou casas máis grandes" e "non formou familia, pero o Señor pagoulle cen veces máis, cun pobo enteiro e o bispado de León". "Da semente da fe medran árbores moi grandes", insistiu o prelado lucense para animar ao pobo a mirar cara á Igrexa.

A cerimonia rematou como empezou, coa música de Os Xílgaros, que acompañou á corporación municipal no seu percorrido dende o consistorio ata a catedral e á inversa, de volta á Praza Maior.

Un momento da cerimonia da ofrenda da cidade de Lugo ao seu patrón, San Froilán. ADRA PALLÓN

Os ensaios dun grupo que actuaría máis tarde na Praza de Santa María fixo que durante uns minutos se escoitara con dificultade a palabra do bispo. A música lembraba que fóra da catedral tamén era día de festa. Dentro houbo varias misas ao longo do día, aínda que o control de acceso implantado hai un par de anos, cando a diócese empezou a cobrar por visitar o templo, fai que, para o gusto dalgúns fregueses, a catedral sexa menos accesible do que debería. Algúns deixaron de ir e o seu lugar ocúpano agora os turistas.