viernes. 03.12.2021 |
El tiempo
viernes. 03.12.2021
El tiempo

"O bigoberno é a imaxe dos dous partidos sen un modelo de cidade"

Ramón Carballo. ADRA PALLÓN
Ramón Carballo. ADRA PALLÓN
O pacto entre PSdeG e BNG impediu que Ramón Carballo fose alcalde de Lugo ► Agora volveu ao Parlamento galego

Ramón Carballo, voceiro do grupo municipal do PP en Lugo e diputado autonómico, alerta da importancia de aproveitar este momento para que a cidade salga da crise económica e social máis forte. Coas mans atadas no seu labor de oposición "polo rodillo do bigoberno local", analiza o primeiro tramo do mandato municipal e o seu propio traballo.

O PP presentou 47 propostas para uns orzamentos que vostede define como os máis difíciles que se fixeron en décadas.

Os orzamentos de 2021 parten dunha situación diferente a calquera outro punto de partida. Nesta situación, ofrecémonos ao goberno local para facer as nosas propostas. Claro, para iso o goberno ten que ter o seu traballo feito, ten que darnos a coñecer o borrador de orzamentos, non como fixo os anos anteriores, que nos deron o documento rematado.

Non parece tan difícil chegar a acordos en moitos puntos, dado que o propio goberno falou de medidas similares moitas veces.

Si, pero este goberno ten a facultade de falar e de vender moitos titulares, pero á hora de executar non executa nada. Por tanto, o que pedimos é que eses proxectos que levan tanto tempo atrasados nesta cidade se poñan en marcha. Vai haber fondos, os concellos van dispoñer dun fondo de reconstrución e Lugo ten a día de hoxe uns 18 millóns de remanentes. Pártese dunha situación económica bastante boa para facer uns orzamentos que poidan dar solución aos problemas que veñen arrastrando. Son proxectos que tampouco son tan grandes a nivel de investimento, por exemplo a praia fluvial: levan moito prometéndoa e para 2021 vai pasar o mesmo.

Cales deben ser as prioridades?

Unha das áreas prioritarias debe ser a reactivación económica. O Concello dispuxo este ano o Plan Reanima, pero non funcionou como debería porque atascouse na xestión. Un problema é que a pesar de que se fixo unha nova RPT, a nivel de xestión segue totalmente bloqueado e o sistema telemático non funciona como debería. Nós propoñemos a creación dun fondo covid de 5 millóns e que se faga un deseño de solicitude e execución sinxelo para os afectados e poder sacalo adiante en pouco tempo, porque o problema é a capacidade de mover o papel. No ámbito social pedimos que haxa unha partida para as entidades sociais. E hai que pensar nos maiores que viven sós: pedimos que se dispoña dun servizo de teleasistencia cunha pulseira de emerxencias e ter un censo de maiores que viven sós. A nivel de recuperación económica, Lugo ten que aproveitar este ano o Xacobeo e o Camiño Primitivo, é unha fonte fundamental de ingresos. E no tema do urbanismo hai dous ou tres alicerces fundamentais: a reforma do Pepri, a Ora, ou que se vai a facer co Garañón dunha vez. Levan anos vendendo aí unha zona verde e vaina a haber, pero das silvas que envolven o Garañón. No tema do transporte urbano algo teñen avanzado, hai que recoñecelo. E Lugo necesita unha boa limpeza. Ademais hai que avanzar no paseo interior da muralla.

Proxectos como o paseo interior ou tirar O Garañón necesitan moito investimento. Cre que o ano que vén é un bo momento?

Non o sei, porque hanse de priorizar os temas sociais. Un ano máis ou un ano menos co Garañón poderíase valorar tamén, pero témome que nin entrou nin vai entrar na axenda deste goberno, sobre todo porque había unha parte do BNG que non estaba de acordo co PSOE e agora non queren saber nada, todos desenténdense.

O famoso bigoberno ao que vostede sempre se refire. Cal é a valoración do que vai de mandato?

A dun bigoberno que trata de relanzar as dúas imaxes de partido, pero non de goberno. Non hai un deseño de modelo de cidade común, cada un compite por unhas áreas. Estamos no mesmo punto de partida que hai ano e medio.

Como viu a xestión do covid por parte do Concello?

Tentáronse varias medidas, e desde a oposición apoiámolas e propuxemos outras. Pero a xestión vímola nesta ponte de Todos os Santos: o PSOE dicía que non a eventos e o BNG seguía facendo actos do Samaín. Deben actuar coordinadamente. Se queren traballar algo a nivel cultural poden facer algo co novo auditorio, que é moi vergoñento. Ata a pasada semana o Concello non se fixo cargo do auditorio oficialmente. Supoñemos que agora o poñerán a disposición de Maite Ferreiro e veremos o que fai para dar saída á actividade cultural. Ao final a culpa será da Xunta, como sempre.

Vai haber fondos, os concellos van dispoñer dun fondo de reconstrución e Lugo ten 18 millóns de remanentes

Falando da Xunta, as críticas por parte do goberno local á súa falta de atención a Lugo son constantes. Cales deberían ser as prioridades da Xunta en Lugo?

As mesmas que as do Concello. Eu non digo que haxa que tirar O Garañón agora, igual hai outras prioridades. Tamén para a Xunta, pero nestes últimos anos foi a única administración que investiu aquí, con obras executadas e en proxecto. O debate dos Orzamentos está a empezar agora en comisión no Parlamento. Nós imos tentar que se execute a rolda este, o plan Paradai, que non se retrasen investimentos na Residencia e hai un proxecto a longo prazo para A Tinería.

Seguindo coa Xunta, moitas persoas sinalan a Javier Arias non só como un cambio de perfil na Delegación, senón estratéxico, pensando na candidatura para a alcaldía de Lugo. Pensa vostede en volver presentarse a alcalde?

A miña candidatura tivo o mellor resultado das sete cidades de Galicia. Este grupo municipal está a traballar intensamente e non queremos ningún descoido, ningún artificio nin bulo vai cambiar o noso ritmo. O partido está estruturado e cada un debe asumir a súa responsabilidade. El centrarase no seu traballo de delegado e eu dedicareime de momento a ser xefe da oposición no Concello e ao Parlamento.

Como se ve agora, máis concelleiro ou máis deputado?

A nivel persoal gústame máis a proximidade, e esa encóntroa no Concello, O Parlamento non o tomo como algo que me aparte de Lugo, teño moito máis tempo para a vida municipal. A miña obriga nestes momentos está no Concello de Lugo.

"O bigoberno é a imaxe dos dous partidos sen un modelo de cidade"
Comentarios