Médico

Bernardino Pardo: "Paraugas levamos uns cantos mercados!"

Para que escoller cando podes quedar tanto con churros como con castañas no San Froilán?
Bernardino Pardo, cunha camisa antiga de liño, chaleco e faixa de seda.
photo_camera Bernardino Pardo, cunha camisa antiga de liño, chaleco e faixa de seda. S.S. / V.R. / X.P.

Di que xa vai vello e que tomaría unha pastilla de Almax para facer ben a dixestión dunha ración de churros e castañas no San Froilán. Ten razón: para que escoller? O importante é vivir a festa, como el a vive.

Canto estaría disposto a pagar por unha ración de polbo nas casetas do San Froilán?
Se vén con cachelos, pan e viño e algunha lambonada por riba e, sobre todo, se a ración é compartida cuns bos amigos, estaría disposto a abrir ben a carteira.

Cal é a fórmula máxica para que esta festa se distinga doutras?
Primeiro, hai que partir cun tempo bo —sol, polo día, e chuvia, pola noite, que boa falta fai!—, o que é imprescindible. E, despois, sería interesante concentrar toda a festa nunha semana grande cunha soa música de fondo en todo o feiral, cuns decibelios axeitados.

Hai algo que nunca se perda?
A combinación de boa música, tanto folclórica como de verbena e tamén concertos de autor.

Cal é o seu nivel de gasto?
Vai a menos. Os fillos fixéronse grandes e os netos non chegan.

Churros ou castañas?
Por que rexeitar unha ración de ambas as dúas cousas? E, por riba, receitaríame unha pastilla de Almax, que un xa vai vello!

Que San Froilán prefire: o das multitudes do Domingo das Mozas ou o máis tranquilo do resto dos días de semana?
O lucimento do Domingo das Mozas que non se perda! Non o teñen os demais días!

Cal é o cachifallo que todos os anos compra nos mercadiños do San Froilán?
Pois paraugas levamos uns cantos mercados no San Froilán!

Bota de menos os senegaleses?
Boto de menos a súa solidariedade facendo comidas comunitarias que arrecendían no fondo do Parque. E tamén boto en falta a súa dignidade por riba das privacións, como demostraba unha nai que aseaba todos os días o seu fillo na billa que lles instalaran na beirarrúa, malia os berros do pequeno (como todos) cando lle botaba o xabón naquel precioso pelo crecho.

Lígase moito no San Froilán?
Ben vexo que si, nestes tempos como nos que xa pasaron. Falo do que vexo…!

Se tivese que resumir as festas nunha palabra, cal se lle ocorrería?
Escollería esta expresión: "De sona". Diría que o San Froilán é unha festa de sona.

Cal é ese segredo inconfesable relacionado coas festas que nunca lle contou a ninguén?
A verdade é que son tan aburrido que, moitas veces, marchei para a aldea para non ter que andar de troula por aí.

Cantas veces na súa vida vestiría o traxe rexional?
De mozo, varias veces; de adulto, non o volvín vestir. Creo que ese é un erro que algún día destes vou ter que remediar.

De ter que escoller unha prenda, cal elixiría e por que?
Para as festas, quedaríame cun chubasqueiro tirando a forrado, por aquelo de que o tempo noso é o que é, malia o cambio climático.

Comentarios