Benedicta Sánchez, "agradecida" e "sobrepasada" polo cariño recibido polos lucenses

A gañadora dun Goya á mellor actriz revelación recibiu unha homenaxe no Pazo de San Marcos
Benedicta Sánchez xunto a José Tomé e Maite Ferreiro. SEBAS SENANDE
photo_camera Benedicta Sánchez xunto a José Tomé e Maite Ferreiro. SEBAS SENANDE

Benedicta Sánchez recibiu este martes "o agarimo e agradecemento dos lucenses" nun acto de homenaxe celebrado no Pazo de San Marcos. A Sala de Exposicións encheuse para recibir a corguesa, que recibiu o Goya á mellor actriz revelación pola súa interpretación en O que arde de Oliver Laxe.

Entre o público estaba o coprotagonista do filme, Amador Arias, que deu a primeira sorpresa da tarde a actriz, que se amosou "agradecida" e "sobrepasada" polo cariño recibido.

"Benedicta é tremendamente diferente da súa personaxe, pero debemos aprender de ambas, a amar o que é noso, a loitar polo que cremos xusto, e a derribar os tabús e as barreiras impostas", dixo a vicepresidenta Maite Ferreiro, na intervención coa que introduciu a actriz.

Benedicta Sánchez no Pazo de San Marcos. SEBAS SENANDE

Acompañada tamén polo presidente da Deputación, José Tomé, Benedicta Sánchez compartiu co público algunhas anécdotas dos ensaios e da rodaxe da película, gravada en Navia de Suarna. A espontaneidade que desbordou na cerimonia de entrega dos Goya saíu tamén a relucir no acto, que culminou cunha longa ringleira de persoas agardando quenda para saudala e fotografiarse a carón dela.

Como agasallo e recordo da xornada, Benedicta Sánchez recibiu unha reprodución artesá dun mosaico romano e mais a insignia da Deputación de Lugo. 

Comentarios