"Bal y Gay asiste en el 73 a la Semana do Corpus y Luis Seoane lo retrata"

O guitarrista Samuel Diz homenaxea este mércores o musicólogo lugués na Casa do Saber de Lugo
Samuel Diz.
photo_camera Samuel Diz.

Samuel Diz fala con paixón de Jesús Bal y Gay. Este guitarrista clásico natural de Tui ofrece este serán un recital conmemorativo do medio século desde o regreso a España en 1965 do musicólogo lugués e da súa dona, a tamén compositora, Rosita García Ascot, que se exiliaran a México logo da Guerra Civil. O concerto será ás 20.30 horas na Casa do Saber de Lugo e está incluído dentro da programación da Semana do Corpus.

Relata Diz, cunha traxectoria internacional como guitarrista como graduado no conservatorio de Sevilla e formado na universidade estadounidense de Yale, que ten conformado un repertorio especial para este concerto, no que Bal y Gay é o fío condutor.

Para a ocasión, por exemplo recupera, coa achega do investigador Leopoldo Neri, unha peza inédita de Bay y Gay composta para o guitarrista burgalés Regino Sainz de la Maza, un dos máis importantes das primeiras décadas do século XX, moi vencellado á Residencia de Estudiantes de Madrid e que mantivo unha relación de amizade co compositor de Lugo.

Conta Samuel Diz que atopou esta composición cando traballaba en 2012 no disco ‘A guitarra clásica en Galicia’, editado polo selo de Sarria Ouvirmos, un proxecto que lle serviu para constatar unha tradición de guitarristas clásicos no país moi descoñecida para o grande público.

«A tradición das rondallas e dos grupos de pulso e púa serviu como escolas para moitos intérpretes e autores coma, por exemplo, o lucense Tino Prados, que foi tamén profesor de guitarra e pintor», sinala Diz, en capela do seu concerto lugués.

Na actualidade, Samuel Diz traballa desde a Coruña nun novo álbum sobre as músicas da Generación del 27, para a que conseguíu unha bolsa do Instituto de la Juventud (Injuve).

No entanto, artellou un recital para hoxe que tamén inclúe no programa outro inédito de 1933; neste caso, unha obra titulada ‘Scherzzo’, do Sainz de la Maza, que ademais de concertista de guitarra foi compositor.

Apunta Diz, que tamén dirixe o Festival de Músicas do Claustro de Tui, que para el a súa estrea no Corpus de Lugo será «especial». Lembra, por exemplo, que un dos máis célebres retratos que se conservan de Bay y Gay foi realizado durante un festival de música clásica Cidade de Lugo. «Bal y Gay asistiu en 1973 á Semana do Corpus e alí o retratou Luis Seoane».

O de hoxe será un concerto multirreferencial, advirte Samuel Diz, quen ademais da peza recuperada de Bal e Gay e doutra da súa dona, Rosita García Ascot, interpretará outras músicas sobre as que se deita a sombra do musicólogo.

Sucede así coa de Luis de Narváez, autor da tradición de música antiga dos séculos XVI e XVII da que Bay y Gay era un consumado especialista e que estudou con profusión nos seus anos da Residencia de Estudiantes. «Traballaba nun proxecto sobre os músicos da xeración de Lope de Vega que quedou truncado co golpe de 1936».

Do mesmo xeito se achegará Samuel Diz no concerto deste serán a Falla. «Bal y Gay era amante da música e do pensamento de Falla e xa nun dos seus primeiros escritos, publicado na revista Ronsel de Lugo en 1924, escribe sobre el».

A viaxe de Samuel Diz achégase tamén a uns poemas musicados de Federico Garcia Lorca, compañeiro de xeración e da Residencia de Estudiantes, e á ‘Suite Compostelana’ de Mompou, quen era profesor en Santiago o ano que regresa Bal y Gay a España e cuxo convite ao lugués para dar unhas aulas remata «cun desencontro» entre ambos os dous. «Ademais, esta suite remata cunha muiñeira que é en parte a muiñeira de Lugo e pareceume moi apropiado».

O recital complétase cunha obra dun autor actual, do compostelán Fernando Buíde, sobre o traballo de Bal y Gay, porque Samuel Diz está certo que o traballo de Bal y Gay, amais de ser un acicate para os académicos, debe servir tamén como «inspiración para os creadores contemporáneos».

Comentarios