Sonia Villapol: "As bacterias intestinais son biomarcadores da gravidade do covid"

Liderou o equipo de Neuroloxía na investigación que levou a cabo un grupo de científicos, a nivel internacional, sobre o covid. Agora, tres anos despois, Sonia Villapol Salgado publica o libro Consciencia, que presenta este mércores en Lugo (O Vello Cárcere, 19.30 horas), no que relata como se viviu, desde o laboratorio, a investigación contra o virus
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Sonia Villapol, co seu libro. JOSÉ MARÍA ÁLVEZ

Antes do covid, a carreira investigadora en Estados Unidos da neurocientífica de Bretoña (A Pastoriza), Sonia Villapol Salgado, estaba centrada no estudo do dano e inflamación cerebrais, a neurodexeneración e a conexión do cerebro coa microbiota intestinal. Desde hai tres anos, a tamén xefa de laboratorio e profesora de Neurociruxía no Instituto Académico de Investigación do Hospital Metodista de Houston (Texas, Estados Unidos) ten como obxectivo o estudo do covid persistente e dos efectos do virus no cerebro. O seu libro, Consciencia (Xerais), relata as vivencias da pandemia desde o seu laboratorio. A presentación é este mércores, ás sete e media do serán, no Vello Cárcere.

Por que decidiu facer este libro?
En primeiro lugar, para facer unha homenaxe a todas as investigacións que se fixeron sobre o covid na pandemia. Pero tamén xurdiu por unha necesidade persoal: quería comunicar todo o que se fixo desde os laboratorios, explicar con máis repouso como aconteceron as cousas e que aprendimos de todo isto. É un xeito de facer homenaxe aos avances científicos nunha pandemia na que se demostrou que o uso das máscaras e a ventilación —xunto coas vacinas— contribuíron a frear a expansión do virus pero, en cambio, rompéronse dogmas históricos como cando se desinfectaba todo aínda que sempre se dixo que se transmitía polo aire. Ao final, o libro axuda a non esquecernos do que foi a pandemia.

Que cuestións eran as que máis preocupaban aos investigadores no seu estudio do comportamento do virus durante a pandemia?
Había varias cuestións. Por un lado, o virus non causaba os mesmos efectos en todas as persoas. Había xente máis vulnerable que outra e non se sabía por que. Tamén se estudaban a orixe do virus, as probas e os mecanismos que se desenvolvían a nivel celular ante a presenza do virus. Outras cuestións que vimos foi a relación entre as bacterias intestinais —que xa analizabamos antes— co covid e co sistema inmune e tamén o dano cerebral que pode producir o virus e o covid persistente. Polo medio estaba tamén o impacto emocional da pandemia pero o máis chamativo de todo foron os avances científicos que houbo nun tempo récord sobre como repercutía o virus na nosa saúde, o que supuxo unha revolución na ciencia pospandemia.

Que aprendeu despois de tres anos de investigación sobre o covid?
De todo se aprende e a pandemia tróuxonos o descubrimento das nanopartículas e a súa aplicación médica e nas vacinas (feitas con nanopartículas de ARN). A raíz do covid, comezouse a aplicar a nanomedicina no alzhéimer —o fraccionamento da proteína telomerasa está a dar bos resultados—, nos ictus, nos traumatismos craneoencefálicos e mesmo nos efectos do covid no cerebro a curto e longo prazo xa que o virus tamén chega ao cerebro e produce unha neuroinflamación. Ao final, descubriuse que as nanopartículas foron o que máis estimulou a inmunidade fronte ao virus.

Cal foi a súa contribución, como investigadora, na pandemia?
Nós intentamos poñer o noso grao de area tamén e analizamos a asociación de bacterias e os cambios que comportaban na flora intestinal nas persoas infectadas e a incidencia que o virus tiña na aparición de danos neurolóxicos. Descubrimos que as bacterias intestinais son biomarcadores que determinan a gravidade da enfermidade e a posibilidade de que se convirta nun covid persistente. Tamén vimos a asociación da severidade do covid na fase aguda cos cambios na microbiota intestinal, que fan que o sistema inmune estea menos reforzado. E todo iso é porque a microbiota regula o 70 por cento da nosa inmunidade. Tamén se observou que a obesidade e a idade xeran máis vulnerabilidade frente ao covid, ao que contribúen tamén marcadores xenéticos, tanto para que se desenvolva a fase aguda como na aparición dun covid persistente.

Hai cifras de canta xente puido verse afectada polo covid persistente no noso país?
Fálase de 75.000 persoas. En Galicia, non se sabe. Agora veñen de pechar as unidades de covid persistente e era cando tiñan que estar abertas porque non hai aínda un tratamento para esta enfermidade. Trátanse os síntomas por separado e fóra das unidades especializadas pode ser difícil tamén de diagnosticar.

"Faranse vacinas de covid e gripe para aplicar polo nariz e chegar antes ao sistema inmune"

Se cadra se pode sacar, ao final, unha lectura positiva da pandemia de covid polos avances que supuxo para a ciencia...
Si, antes da pandemia usábase a farmacoloxía estándar. Agora, estase a facer todo con nanopartículas. Estase vendo que a nanomedicina supón un gran avance no tratamento de problemas cerebrais e tamén nos cancros. Imos cara unha medicina personalizada. Ata agora, non coñeciamos as vulnerabilidades de cadaquén e todos somos diferentes. O mesmo tratamento non funciona ben en toda a poboación. Inflúen moitos factores: o sexo, a idade pero tamén os marcadores xenéticos e da microbiota intestinal.

Veñen de pechar as unidades de covid persistente e tiñan que estar abertas porque aínda non hai tratamento"

Pero a medicina personalizada será moi cara, non?
Pode, pero deberiamos esixir iso. Se non, sempre haberá tratamentos que non funcionen. Unha análise da microbiota pode andar por 300 euros. O futuro está na medicina personalizada e de precisión, que utilice os marcadores.

Que nos di das vacinas? Foron determinantes na pandemia?
Por suposto, pero as máis eficientes serán as intranasais. En concreto, faranse vacinas combinadas de covid e gripe que se aplicarán polo nariz para chegar antes ao sistema inmunitario. O virus chegou para quedar, como din as Tanxugueiras porque aínda hai países con moitos contaxios.

Comentarios