Acelera a transformación da Ronda da Muralla entre as rúas Santiago e Vilalba

"Renovarase a estética da Porta de Santiago, onde se xuntan os tres patrimonios da humanidade de Lugo", explicou Rubén Arroxo
Arroxo, entre a Ronda e a Rúa Vilalba. EP
photo_camera Arroxo, entre a Ronda e a Rúa Vilalba. EP

O Concello de Lugo avanza na transformación da Ronda da Muralla entre as rúas Santiago e Vilalba. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, visitou este domingo a zona e informou dos traballos. 

O nacionalista recordou que o mércores a xunta de goberno deu o visto bo para adxudicar esta actuación á empresa Sanle S.L., que presentou un orzamento de por debaixo dos 575.990,77 euros orzamentados e un prazo de realización de seis meses. "Unha vez rematen os traballos desta zona e a peonalización do treito de A Mosqueira, a veciñanza de Lugo contará coa totalidade da zona sur da muralla humanizada”, explicou Arroxo.

"Trátase dunha zona situada a carón da muralla que case non tiña beirarrúa, e na que os vehículos pasaban pegados ao monumento na que realizamos unha intervención temporal no 2020, anulando un carril de circulación ao tráfico rodado, aumentando o espazo peonil arredor do monumento", declarou..

O Concello aprobou a adxudicación da obra á empresa Sanle S.L. por baixo dos 575.990 euros orzamentados e un prazo de execución de 6 meses

Segundo Arroxo, "a mellora deste treito permitirá transformar o entorno da Ronda da Muralla, non só aumentando o espazo peonil, senón renovando a zona da Porta de Santiago dando unha mellor estética ao punto da cidade no que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade cos que contamos". Ademais, o tenente de alcalde explicou que "o proxecto que se levará adiante permitirá ampliar a actuación no futuro, cando se avance na peonalización total da Ronda da Muralla”.

O alumeado deste treito consistirá en nove luminarias LED tipo RGB, que permitirán unha iluminación ás distintas horas e á luminosidade do día. O alumeado permitirá variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás.

En canto á circulación do tráfico, avanzou que "os vehículos contarán con maior fluidez, xa que se modificará o cruce da Ronda da Muralla coa Rúa Santiago". O cruce pasará de ter o actual semáforo de tres tempos a contar con preferencia no tráfico que circule pola Ronda, tendo un ceda o paso os vehículos que se acheguen pola rúa Santiago.

Comentarios