lunes. 27.09.2021 |
El tiempo
lunes. 27.09.2021
El tiempo

Avanza a humanización da Ronda da Muralla entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba

Rubén Arroxo e Alexandre Penas. EP
Rubén Arroxo e Alexandre Penas. EP

Rubén Arroxo visitou con Alexandre Penas os traballos realizados, e afirmou que "damos un paso importante para gañar espazos para as persoas"

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou a Ronda da Muralla para revisar os avances realizados no treito entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba. O tamén responsable da área de Mobilidade e Infraestruturas anunciou que "a construcción da beirarrúa está rematada, e nos vindeiros días realizaranse o resto de actuacións contempladas no proxecto".

O  proxecto que se está a executar transformará o entorno da Ronda, aumentando o espazo peonil e renovando a estética da Porta de Santiago, "un punto importante da cidade onde se xuntan os tres patrimonios da humanidade cos que contamos", afirmou Arroxo, que destacou a importancia desta actuación para mellorar a protección da Muralla, reducindo as vibracións producidas polos vehículos a motor "cumprindo coas recomendacións do Icomos para garantir o mantemento da Muralla".

Arroxo destacou que "un dos piares máis importantes do traballo da área de Mobilidade e Infraestruturas desde a nosa chegada ao goberno", e afirmou que "unha vez se remate esta intervención, xunto coa peonalización da Mosqueira, a veciñanza de Lugo contará coa zona sur da Muralla completamente peonalizada".

RENOVACIÓN DE ALUMEADO. De cara á renovación do alumeado deste treito da Muralla, a área de Mobilidade e Infraestruturas instalará 9 novas luminarias LED tipo RGB, que permitirán unha iluminación ás distintas horas e á luminosidade do día. O alumeado permitirá variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás, o que mellorará a percepción visual do monumento.

TRÁFICO RODADO. Unha vez se remate a actuación, os vehículos circularán con maior fluidez, ao modificarse o cruce da Ronda da Muralla coa rúa Santiago.

O cruce pasará de ter un semáforo de tres tempos a dar preferencia ao tráfico que circule pola Ronda, tendo un Ceda o Paso os vehículos que se acheguen pola rúa Santiago.

As rúas Cidade de Viveiro e Pascula Veiga cambiaron o seu sentido de circulación de xeito provisional para permitir a execución dos traballos. Para isto, elimináronse unha serie de prazas de aparcamento o que facilita a circulación e a maniobrabilidade do bus urbano. A rúa Vilalba está a ser bidireccional de xeito provisional para permitir o acceso aos garaxes mentres duren as obras.

Avanza a humanización da Ronda da Muralla entre a rúa Santiago e a...
Comentarios