As funcionarias que supostamente se negaron a atender en galego a unha muller négano e denuncian acoso

Sinalan, a través dun comunicado divulgado por Galicia Bilingüe, que o trato coa cidadá foi cordial ata que comezou a increpalas

Placa que luce el edicio administrativo de la Xunta de Galicia en Lugo. AEP
photo_camera Placa que luce el edicio administrativo de la Xunta de Galicia en Lugo. AEP

As funcionarias que supostamente se negaron a atender en galego a unha muller na delegación da Xunta en Lugo negaron os feitos denunciados tanto pola usuaria como pola asociación A Mesa pola Normalización Lingüística e denunciaron unha campaña de acoso a través das redes sociais.

Nun comunicado difundido a través de Galicia Bilingüe, as traballadoras denunciadas sinalan que a usuaria chegou "fóra do horario de atención ao público" e facilitóuselle "toda a información verbal e documental" relacionada co asunto solicitado.

"Non foi ata o final da consulta, cando esta cidadá solicitou ser atendida en galego, nun ton moi desagradable, que non se correspondía co empregado até ese momento por ningunha das partes", sinalan.

As traballadoras sinalan que se viron obrigadas a trasladado a "dificultade de atender a súa petición" despois que a denunciante empregase "galego reintegracionista, como o que despois empregou no escrito de queixa", e "unha actitude hostil, dificultando en gran medida a súa comprensión".

"Nese momento, a cidadá comezou a faltarnos ao respecto, con comentarios tales como que nos negabamos a falar galego porque eramos da 'sección feminina', ou que 'queriamos que volvese Franco'. Tamén nos dixo que nos marchásemos de Galicia. Ao vela alterada, un compañeiro ofreceuse amablemente a falar con ela, accedendo á súa petición de ser atendida en galego, algo que ela xa non quixo aceptar". Por iso, tacharon de "totalmente falso" a suposta negativa a atender á muller en galego.

Finalmente, denunciaron que, a partir deste incidente, "comezou unha campaña de acoso" nas redes sociais e "mesmo telefonicamente", chegando a recibir chamadas de teléfono con comentarios como 'xa es famosa en internet' ou 'por fin lle poño voz á facha', feitos polos que presentaron denuncia ante a Policía Nacional o día 2 de marzo de 2018. 

Comentarios