Artística conversa de Nieves Neira con Rosalía

A polifacética xornalista presentou a ofrenda á autora cunha coidada posta en escena na que houbo movemento, poesía, fotografía e música
 
photo_camera Así foi a mañá deste 10 de outubro, Domingo das Mozas. O sol, os traxes tradicionais e a ofrenda a Rosalía, da man da xornalista de El Progreso Nieves Neira, foron os protagonistas. VÍDEO: VICTORIA RODRÍGUEZ

A deste domingo non foi unha ofrenda máis a Rosalía de Castro no Domingo das Mozas. Non o foi por ser unha data especial, o medio século da primeira homenaxe á escritora nas patronais lucenses, e porque o acto foi máis aló da palabra. A oferente, a xornalista, escritora e artista Nieves Neira Roca, fixo unha coidada posta en escena, con movemento, poesía, fotografía e música, coa que seduciu o público. 

Neira e os membros da corporación municipal, xunto a amigos e incondicionais da homenaxe a Rosalía, chegaron ao parque que leva o nome da autora de Padrón acompañados dos músicos de Berros do Castro, de San Sadurniño. Ao pé do busto que tallou Manuel Mallo hai 50 anos e da araucaria que o acariña, a oferente comezou dando as grazas por ser escollida "para continuar a conversa con Rosalía que antes de min mantiveron outras mulleres ás que admiro profundamente", afirmou. 

Neira pediu permiso para comezar citando a Novoneyra, o seu tío, a cuxa voz se asomou varias veces este domingo porque para ela é, "como tamén o é Rosalía", "un lugar dende o que mirar o mundo". Lembrou como o poeta dicía que Lugo era unha cidade mítica para algúns poetas galegos e como el mesmo "se desviaba nos seus arrodeos pola amada xeografía do Courel a Compostela". 

Neira acompañouse do libro no que leu a Rosalía por primeira vez de nena e do caderno co que buscaba palabras no Parque

A oferente percorreu parte do universo poético e artístico lugués xa desaparecido, dende o propio Uxío a Isidro Novo, Blas Lourés, Fole, Antón Figueroa, Araceli Figueroa, Pimentel, Xela Arias "e tantos outros e tantas outras cuxas voces temos o privilexio de herdar". 

Neira volveu á nena que foi para ensinar o libro no que leu por primeira vez a autora que este domingo ela homenaxeou en nome do pobo de Lugo. Un libro sacado da estantería da súa casa, de seu pai, finado, que pousou sobre a area do Parque cun sentimento que encolleu o seu corazón, pero tamén o de moitos que a escoitaban. Ao seu carón deixou outra pertenza da infancia, o seu primeiro caderno de escritura, co que buscaba palabras polo xardín de Rosalía. "Parque, ti eres eu", escribía unha nena que sen sabelo xa era poeta. 

A continuación, Neira foi amosándolle ao público ilustracións para formular interrogantes. A primeira, unha fotografía da propia Rosalía realizada por María Cardarelly, a primeira fotógrafa galega. Con ela inquiriu: "Que nomea un nome? O da gran poetisa está nas rúas, nas prazas, nos colexios, na superficie de Venus e na constelación de Ofiuco", salientou. Un nome "que ten a forza de destronar os reis", pois ata que a corporación republicana da cidade llo cambiou, o parque Rosalía era de Alfonso XIII.

FOTOGRAFÍAS. Un plano deste espazo botánico e de lecer e fotografías dalgunhas das súas árbores que fixo a propia Neira estes días guiaron o resto da súa intervención. O parque cumpre este ano un século e a oferente quixo facerlle unha homenaxe tamén a el. Referiuse a moitas das especies que o poboan, como o alcipreste do Pacífico, a tuia da China, o cedro do Himalaia, o abeto do Cáucaso, a secuia de California ou o hibisco da Siria, mostra da universalidade deste xardín, a mesma que ten a autora de Padrón.

Neira tamén ergueu ante os asistentes un plano do parque e fotografías dalgunhas árbores feitas por ela mesma nos últimos días. Con elas foi intercalando verbas propias, da homenaxeada e outra vez de Novoneyra, quen dicía que "todos os poetas tiñan voz para
esto ou para aquelo, pero que Rosalía parecía ser vinte poetas nun só libro", lembrou a sobriña como mostra da admiración que o poeta do Courel tiña por Rosalía.

Co murmurio real das follas do Parque, que Neira animou a escoitar, e co simulado polas pandeiretas de varias amigas que quixeron acompañala, Neira rematou o tributo a Rosalía cantando unha estrofa súa.

Un sentido e longo aplauso e o himno galego puxeron fin a unha ofrenda na que, como aquela primeira de hai 50 anos, non houbo representación da Fundación Rosalía de Castro, que si acudiu noutras ocasións e esta vez mandou "un saúdo". Si estivo presente a Fundación Uxío Novoneyra, de cuxo padroado forma parte a propia Nieves Neira Roca.