Arroxo visita a renovación do alumeado da Fonte dos Ranchos

Nesta actuación múdanse máis de 60 luminarias, que permitirán reducir ata o 50% o consumo eléctrico

Renovación de luminarias na Fonte dos Ranchos. EP
photo_camera Visita de Arroxo e Penas á Fonte dos Ranchos. EP

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, visitou, xunto con Alexandre Penas, edil de infraestruturas; Cristina López, concelleira de participación e persoal técnico municipal, a obra de renovación do alumeado na zona da Fonte dos Ranchos, Doutor Ochoa e do primeiro treito da Avenida das Américas.

Arroxo avanzou que "o proceso de instalación das novas luminarias está case concluído, unha vez remate, realizaranse as probas correspondentes e retirarase a infraestrutura antiga de alumeado, antes de dar por rematada a actuación".

A actuación licitouse por 268.934 euros e un prazo de execución de tres meses. Mudaranse máis de 60 luminarias, o que permitirá unha redución de ata o 50% do consumo eléctrico con respecto ao actual, cumprindo igualmente con todas as indicacións do regulamento de eficiencia enerxética para alumeado exterior.

O tenente de alcalde lembrou que "no último ano e medio realizamos un investimento de 2.450.000 euros adicado á renovación do alumeado público da cidade, substituíndo elementos contaminantes utilizados nas instalacións antigas, como luminarias de vapor de mercurio, por luminarias LED de baixo consumo enerxético".

Tamén recordou no orzamento de 2021, o plan de renovación de alumeado público en zonas urbanas e periurbanas conta cunha partida de 1.043.000 euros que, segundo indicou, servirán "para continuar mellorar a seguridade nas rúas, ao reducirse as zonas de sombra, ao mesmo tempo que reducimos o consumo enerxético e polo tanto o impacto ambiental e as emisións de CO2 á atmosfera".

Comentarios