Arroxo: "Imos seguir adiante co proxecto de peonalización da Ronda da Muralla"

O grupo municipal do Partido Popular considera que o carril peonil é "unha chapuza estética"
 

Tránsito peatonal y de coches en la Ronda. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Tránsito peatonal y de coches en la Ronda. VICTORIA RODRÍGUEZ

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que "desde a área de Mobilidade imos seguir adiante co proxecto de peonalización e humanización da Ronda da Muralla, co que as veciñas e veciños de Lugo xa gañaron unha zona de paseo peonil de 2,5 Km, e que continuará avanzando ata liberar de tráfico a Muralla".

Arroxo responde así ás críticas lanzadas polo grupo municipal do PP, que defende que o carril peonil supón un risco para os cidadáns e "unha chapuza estética" para o monumento.

"A veciñanza móstrase favorable ao proxecto de humanización que estamos levando adiante desde a área de Mobilidade", declarou o tenente de alcalde. Na súa opinión, o PP demostra que "non ten un proxecto de futuro para Lugo, polo que teñen que manipular a información achegada polo goberno municipal".

Arroxo informou que "os separadores verdes aos que se refiren desde o PP son os elementos homologados para delimitar un carril de circulación". Ademais, o tenente de alcalde afirmou que desde o Concello "estase a traballar xa nun plan de tráfico definitivo moito máis exhaustivo que o realizado de maneira provisional durante o estado de alarma".

O responsable da área de Mobilidade defendeu o proxecto de humanización e peonalización da Ronda da Muralla "porque gran parte das fisuras producidas no monumento débense ás vibracións que provocan os vehículos ao circular tan preto da Muralla". Segundo Rubén Arroxo, “a única solución a este problema é reducir o tráfico no entorno da Muralla, o que beneficiará á veciñanza, que gañará espazos peonís no entorno do noso monumento máis querido".

Comentarios