jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

Arroxo: "Hai só mil usuarios do bus, pero esa xente necesítao para ir ao Hula e a traballar, e garantímolo"

Rubén Arroxo. VICTORIA RODRÍGUEZ
Rubén Arroxo. VICTORIA RODRÍGUEZ
Teletraballa e cada dous días acode ao Concello, onde funciona unha comisión de seis membros que coordina a resposta municipal ao coronavirus. O tenente de alcaldesa valora a resposta cidadá e a solidaridade ante plans como o de voluntariado para axudar a escolares dende o Concello

rubén arroxo está nas redes tentando insuflar ánimos aos lucenses e lanzando ata propostas para poñer aos veciños a facer exercicio na casa. Iso é case a anécdota, porque o groso das horas pásaas traballando na redefinición do labor municipal.

O Concello readaptouse para atender os cidadáns e unha das medidas é o reforzo do 010. Está sendo efectivo o sistema?
Si, polos datos que me dá a edila de participación cidadá supéranse as 400 chamadas diarias, que é o dobre do habitual. Moita xente chama por dúbidas respecto ao funcionamento do Concello, por servizos, actividades virtuais que se ofertan... Hai moita inquedanza e o 010 axuda a canalizala.

Unha das medidas que tomaron foi a gratuidade do transporte público e que os viaxeiros suban pola porta traseira. Están sendo medidas eficaces?
Tomamos esa decisión tras ver a preocupación dos condutores e dos usuarios. Eliminouse o pago e éntrase pola porta de atrás, co que se minimizan riscos. Ademais, elimináronxe a metade das prazas. Penso que temos un transporte seguro con esas medidas.

Ten sentido manter o transporte público nunha cidade case sen actividade?
Sen dúbida. Hai xente que necesita o servizo e debemos dalo. É certo que houbo unha redución moi importante de usuarios. Pasamos de oito ou nove mil viaxeiros ao día a só mil este días. Pero é un servizo esencial, que moita xente precisa para ir ao traballo, ao hospital... De feito o Hula e O Ceao son os destinos da maioría deses mil pasaxeiros diarios. Creo que é un acerto e manter o servizo tamén serve para protexer o emprego do persoal dos buses urbáns.

Acordaron garantir o emprego de todo o persoal que traballa nas concesionarias do Concello.
Era fundamental facelo. Hai moitos servizos municipais que prestan empresas e, se queremos evitar unha crise máis seria da que teremos despois desta emerxencia sanitaria, é importante que o Concello manteña os postos. Por iso aprobouse un decreto de alcaldía. Hai que ter en conta que son máis de trescentas persoas.

Os máis afectados por esa garantía son os traballadores de instalacións deportivas e culturais?
Efectivamente, afecta ao persoal de instalacións deportivas e culturais, pero tamén de comedores, de escolas infantís... Parte dese persoal tamén vai readaptar o seu labor, por exemplo facendo programación cultural alternativa a través de internet.

Como vai esa oferta cultural alternativa na rede?
Ten unha resposta importante. A aposta é ter oferta todos os días, con propostas como visitas guiadas, material para nenos... Hai un programa moi interesante de voluntariado con docentes, ao que xa se apuntaron vintedous docentes.

Nota que aflora o voluntariado?
Si, chama moita xente que quere colaborar. O proxecto máis avanzado é o dos docentes e pronto sairán outras iniciativas.

Como vai funcionar ese proxecto educativo?
A idea é ofertar contidos educativos, axudar nas tareas, elaborar vídeos, subir documentación, ofertar actividades educativas e, incluso, facer que algúns nenos teñan conexión directa cos docentes. Xa chamou bastante xente interesada neste programa.

Readaptaron o traballo no Concello e parte do persoal teletraballa, pero que pasa con servizos como os das brigadas municipais.
É evidente que brigadas como as de obras ou a eléctrica non poden teletraballar. Están nas súas casas, pero localizables e xa fixeron varias saídas. Cada vez que sexa preciso atender unha urxencia na cidade estarán dispoñibles.

E no cemiterio municipal como é a situación?
É un servizo que hai que garantir e hai enterramentos, pero non poden asistir máis de quince persoas aos actos no cemiterio.

Que vai pasar co Mercado e a Praza de Abastos?
Suspéndense os mercados tradicionais de martes e venres. Non é posible realizalo porque había aglomeracións. Pero os postos do Mercado e a Praza seguen abertos, dando servizo. É certo que a activade pode resentirse, porque estes días a xente compra o máis preto posible da casa. Cando isto pase, haberá que traballar en potenciar eses espazos. Xa tiñamos ideas para impulsar eses recintos.

Veranse afectados proxectos como os de peonalización?
A peonalización será este ano. Teremos que adialo algo por esta situación, pero a idea é abordar este ano tanto a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros como a obra do sótano da Praza de Abastos este ano.

Arroxo: "Hai só mil usuarios do bus, pero esa xente necesítao para...
Comentarios