Arroxo: "A cuestión é ver que facer nestes anos, non pedir unha concellería"

Admite que, durante a campaña, foron moitos os que lle pediron que o BNG entrara no novo goberno e recoñece que ten "a responsabilidade de intentalo"

Rubén Arroxo (Lugo, 1985). VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Rubén Arroxo (Lugo, 1985). VICTORIA RODRÍGUEZ

Despois de acadar un importante incremento de votos para o seu partido, Arroxo analiza os seguintes pasos.

A que atribúe esta suba do BNG?
Cremos que fixemos un traballo, no só na campaña electoral senón nestes últimos catro anos, cun proxecto claro do que queriamos facer en Lugo. Ademais, nestes catro anos nunca fixemos a crítica baleira senón buscando sempre unha solución.

Entrará o BNG no goberno municipal e que pedirá para facelo?
Primeiramente temos que analizar a situación na que nos atopamos e como podemos mellorar esta cidade, poñendo sempre Lugo no centro do debate. Máis que falar dun posible goberno, máis que falar de áreas, queremos falar dun programa e dun proxecto, tanto para unha investidura como para calquera outra cousa.

Contemplan as dúas opcións? Tamén a posibilidade de só investir a Méndez sen entrar no goberno?
Si, a día de hoxe, non temos posición fixada.

Dixera que se a representación era substancial contemplaría entrar?
Contemplaríamolo, exactamente. Pero existen as dúas opcións aínda, a día de hoxe. O BNG tomará a decisión de xeito colectivo, a nivel orgánico. Podemos sentar a falar e non chegar a acordos. Iso rompería as negociacións. Ou sexa, pódense dar moitas circunstancias.

Sentaranse a falar, iso seguro.
Si, iso seguro. Méndez dixo publicamente que me chamaría, aínda non o fixo pero evidentemente aínda é cedo. Cando o faga voume sentar con ela e ver que posición teñen. O que si que imos propoñer é que non vai ser só falar de negociacións, hai que ver tamén cousas que están pendentes. Por exemplo, a zona pública de baño. Imos esixir que, xa que está orzamentada e xa que hai un proxecto, neste verán teñen que poñela a funcionar. É unha desas cousas que levamos moitos anos reivindicando e imos esixir que, xa que a administración vén funcionando, hai que darlle para diante.

Un acordo estaría supeditado a que se tomasen medidas así?
Un posible acordo estará supeditado a un proxecto para Lugo, tendo en conta que ten moitas eivas ás que nós lles queremos dar solución co programa co que nos presentamos ás eleccións. Dentro desa liña, todo acordo ten que basearse nun proxecto. É certo que moita xente nos pediu que intentásemos entrar no goberno e temos a responsabilidade de intentalo.

Pedirán ter influencia en todo o goberno ou autonomía na xestión das concellerías que ocupen?
Estudiaríamos como crear o mellor goberno para que este concello funcione. Se se chegase a algún tipo de acordo, tanto de investidura como de goberno, ten que haber un proxecto común que marque unha serie de liñas básicas para o futuro de Lugo.

Cantas dedicacións ve precisas?
Iso é poñer o carro antes dos bois! Fixo unha campaña moi centrada no urbanismo e na mobilidade, lembrando cambios nesas áreas feitos en cidades nas que goberna o Bloque como Pontevedra.

Pedirá a concellería de Urbanismo?
Entendemos que as concellerías teñen un carácter transversal, ligadas unhas a outras, e por iso é importante ter un proxecto común. Non é cuestión de pedir unha concellería determinada, senón de saber que se quere facer nos próximos anos.

Falaba de esixir a zona de baño, pero tamén a peonalización da Mosqueira é una reivindicación reiterada do BNG...
Tamén. Levámola a pleno no 2016 e foi aprobada por unanimidade. Esa é outra das cousas que levamos no noso proxecto para Lugo.

E o proxecto de paseos fluviais con dúas pasarelas será outro?
Si. Nós imos defender esa cuestión. Imos defender todo o que vai no noso programa, tamén sendo conscientes de como é unha negociación, non pode ser unha imposición senón intentar chegar a acordos. Entendemos que é o que pode servir para mellorar o noso concello, que é nosa función. Houbo 7.873 veciñas e veciños que votaron polo BNG. Nós agora temos a responsabilidade de buscar os medios de levar adiante iso que dixemos durante a campaña.

Aludo a esa proposta en concreto porque o BNG foi moi crítico, por exemplo, co proxecto do goberno da pasarela da N-VI... 
Si, e seguimos séndoo. Entendemos que onde se colocou non é útil. Fanse máis quilómetros sobre a pasarela que polo paso inferior que xa existe. Ben, é unha pasarela que xa está licitada, xa está avanzada, pero se é posible corrixilo, nós imos traballar para que cambie.

Será O Garañón un punto de fricción?
É outro asunto no que PSOE e BNG discrepan. Temos unha posición clara: cumprir a sentenza que hai e iso implica o derrubamento das torres. Sempre facéndoo con sentidiño, os veciños e veciñas non poden ser responsables desa ‘cafrada’ política. Hai que buscar que paguen o menos posible por esa desfeita.

Cal é a primeira cuestión que ten que afrontar o novo goberno?
Cubrir as prazas de persoal, iso é urxentísimo porque, se non, o Concello se nos desmantela.

Hai un evidente clima de tensión entre o persoal, cal será a súa proposta para mellorar a xestión?
O de cubrir as prazas axuda porque hai funcionarios que están facendo o dobre ou triple do que tiñan que facer e está creando unha crispación moi grande dentro do Concello e hai que reorganizar algunhas das áreas, iso é evidente. Temos moitos proxectos en mente pero somos conscientes de que se non se soluciona o problema de persoal ningún vai saír adiante porque non tes quen o xestione.