Arroxo, disposto a convocar de novo a Mesa de Transportes para revisar as liñas de bus

O tenente de alcalde responde así ao PP, que pediu corrixir o novo deseño do transporte público de Lugo

Arroxo reuniuse coas direccións dos institutos da zona centro para explicar os cambios de tráfico. EP
photo_camera Arroxo reuniuse coas direccións dos institutos da zona centro para explicar os cambios de tráfico. EP

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, defendeu que non habería "ningún problema" en "volver convocar outra Mesa de Transportes e analizar calquera corrección que haxa que facer", tal e como solicitou o PP de Lugo.

O edil nacionalista lembrou que o actual proxecto de transporte público "foi aprobado por unanimidade de todos os grupos na Mesa de Transportes".

CORTE DA MOSQUEIRA. Arroxo, xunto co edil de Educación, Felipe Rivas, mantiveron unha xuntanza con representantes dos equipos de dirección dos centros de ensino públicos da zona centro da cidade para explicar as modificacións de tráfico que se aplicarán debido ao corte da Mosqueira. Rubén Arroxo explicou que "o novo modelo de mobilidade da zona centro da cidade, xunto co novo modelo de buses urbanos, permitirá un mellor acceso aos centros de ensino, ao mellorarse as conexións co resto de zonas da cidade".

O concelleiro de Mobilidade compartiu coas direccións, entre outros asuntos que atinxen ao Concello e aos centros de ensino, o novo modelo de mobilidade no que se está a traballar desde o goberno municipal, enfocado a unha cidade "máis amable coas persoas e con menos coches nas rúas", segundo declarou Rubén Arroxo. Segundo o edil nacionalista, "a partir do día 1, coa entrada en funcionamento das novas liñas de transporte urbano e o corte da Mosqueira, Lugo dará un paso adiante no camiño para conseguir este obxectivo".

O 1 de xuño entrarán en funcionamento, ademais das novas liñas, as máis de 20 pantallas instaladas en distintas paradas ao longo da cidade. Rubén Arroxo lembrou que "todas as persoas que proben o novo modelo de transporte urbano poderán facelo de xeito gratuíto o día 1".