Os arredores do Hula son para non mirar

O PP denuncia a suciedade e degradación dos espazos que rodean o hospital e do leirapárking, no que pide luz e videovixilancia
Os edís do PP amosaron a falta de coidado da contorna do Hula. EP
photo_camera Os edís do PP amosaron a falta de coidado da contorna do Hula. EP

Os edís do PP amosaron a falta de coidado da contorna do Hula.A degradación que presentan os arredores do Hula non se corresponde cunhas instalacións sanitarias punteiras. Así o percibe o PP e moitos cidadáns que cada día acoden ao complexo de San Cibrao, ao que se chega por víais anchos e novos pero cheos de maleza e de sucidade nas beiras.

Varios concelleiros do PP desprazáronse nos últimos días ata o lugar para amosar o descoido destes espazos por parte do Concello. "O alto grao de reivindicación en todo o que ten que ver co Hula e a Xunta desaparece cando se fala das competencias municipais na contorna do hospital", afirma o vicevoceiro do Partido Popular no Concello, Antonio Ameijide.

As beirarrúas están cheas de follas en moitos tramos, o que provoca risco de esvarar cando hai humidade. Tanto no pavimento como na vexetación que hai arredor tamén se ven unha chea de máscaras usadas, froito do desleixo de moitos cidadáns e da falta de limpeza por parte do Concello. "Semellan levar moito tempo tiradas", apunta Ameijide, que tamén fai ver a necesidade de cortar a maleza.

Os edís do PP amosaron a falta de coidado da contorna do Hula.Capítulo á parte é o leirapárking, que como cada inverno volve estar cheo de fochancas. "Quedou convertido nun lamapárking", denuncian os populares. Estes volveron pedir que se ilumine este espazo e que se instale un sistema de videovixilancia para disuadir as persoas que piden diñeiro, ás veces con extorsión, aos condutores que aparcan neste lugar e no resto da contorna do Hula. A calificación do solo no PXOM impide, probablemente, unha obra deste tipo, pero o PP cre que, dun xeito ou doutro, debería haber máis vixilancia.