jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Arranca a iniciativa EnRedando co Galego en varios institutos de Lugo

Ferreiro e Arroxo na presentación de EnRedando co Galego. EP
Ferreiro e Arroxo na presentación de EnRedando co Galego. EP

A área de Cultura, en colaboración coa AELG, organiza estas actividades co obxectivo de  "promover o uso da lingua galega entre a mocidade"

A edil de cultura, Maite Ferreiro, xunto co tenente de alcalde, Rubén Arroxo participaron este mércores na presentación de EnRedando co Galego, unha iniciativa organizada pola área de Cultura en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en varios institutos de Lugo. O obxectivo da iniciativa é "promover o uso do galego entre a mocidade e a creación literaria e artística a través da lingua".

Durante os vindeiros 21 días, o estudantado poderá participar en dúas experiencias distintas: unha inmersión lingüística, compartindo nas redes sociais as súas reflexións sobre o proceso ou unha experiencia de creación literaria e artística, na que deberán escribir obras literarias en galego en formato escrito e dixital, e deberán enviala á Escola de Escritoras e Escritores da AELG. As rapazas e rapaces que participen entrarán no sorteo de material electrónico e varios lotes de libros de literatura galega, ademais de distintos agasallos.

A presentación de EnRedando co Galego realizouse no IES Muralla Romana e contou coa actuación musical en directo de Aldaolado e Lois Pérez. Cara o final da iniciativa, a área de Cultura e a AELG organizarán un fin de festa no que se realizará un intercambio de experiencias de todas as estudantes participantes, e varias actuacións en directo.

Maite Ferreiro explicou que un novo informe do Consello de Europa "alerta sobre a situación do galego entre a mocidade, especialmente no eido do ensino". "Desde o Concello de Lugo buscamos colaborar en reverter esta situación e garantir o coñecemento da nosa lingua entre a mocidade", apuntou a edil, que espera "conseguir a colaboración de máis centros nas vindeiras edicións do certame".

Arranca a iniciativa EnRedando co Galego en varios institutos de Lugo
Comentarios