O arquivo municipal, contra as cordas

Hai anos que o depósito agotou o seu espazo e faltan persoal e ferramentas de xestión e de consulta, o que disuade a estudosos
A concelleira Cristina López, no arquivo. VICTORIA RODRIGUEZ
photo_camera A concelleira Cristina López, no arquivo. VICTORIA RODRIGUEZ

Hai dous Lugos, o que se ve e o que permanece gardado nos arquivos, que comprende -ou debería- todas e cada unha das actuacións públicas e privadas que se levan a cabo na cidade dentro da lei, e das que, polo tanto, consta documentación. O arquivo municipal de Lugo albergaba xa en 2016 unhas 37.000 caixas de papeis e preto de 3.000 fotografías, e iso que os primeiros sete séculos dos que hai documentación permanecen en depósito no Arquivo Histórico Provincial, e que non hai día no que o Concello non xere fondos que deben ser arquivados. Porén, hai aproximadamente catro anos que o depósito municipal agotou a súa capacidade, segundo asegura a arquiveira, Chus Saavedra, a punto de incorporarse tras unha longa baixa médica.

A falta de persoal é outro dos problemas, quizais o maior, que ten este servizo, e esa é outra das razóns pola que dende hai tempo a documentación que se xera fica desperdigada polos distintos departamentos municipais, explica a nova concelleira responsable, a nacionalista Cristina López.

Con todo, o papel que se garda nos 340 metros cadrados do soto que acolle o arquivo —no edificio municipal do antigo seminario— é inxente. É enorme e difícil de xestionar e de sacarlle rendemento. Non hai persoal nin ferramentas suficientes, de maneira que faltan moitos fondos por dixitalizar e, dos que xa están dixitalizados, poucos están a disposición do público. A consulta en papel tampouco resulta sinxela nalgunhas épocas e unhas circunstancias e outras disuaden aos investigadores de acudir a esta fonte de coñecemento, di López. Asegura que así llo expuxo recentemente algún docente do campus.

O Concello acaba de convocar unha praza de arquiveiro e buscará fórmulas para avanzar na dixitalización dos fondos municipais

Saavedra, pola súa banda, asegura que o Concello dispón dende hai anos dun programa de descripción arquivística que nunca foi instalado e que, a pesar de que leva tempo propoñéndoo, tampouco se acaba de crear un portal web para poñer a disposición do público os fondos que hai dixitalizados. Entre estes figuran as actas municipais dende o século XVI ata arredor de 1980 e case todos os expedientes municipais importantes dende principios do século XX ata os anos 40, apunta a arquiveira.

As dixitalizacións fixéronse case sempre a través de obradoiros de emprego, unha das fórmulas que agora estuda a concelleira para continuar ese labor, que considera crucial tanto para asegurar a conservación dos fondos como para facilitar o acceso a eles.

O arquivo recibe unhas dez consultas externas ao día, xa que a maior demanda é de servizos da casa

ASPECTO. Un percorrido entre os andeis do arquivo, ateigados de caixas, non dá, abofé, moita tranquilidade. O lugar ten sistemas de alarma de lume e de inundacións, aseguran os responsables municipais, aos que non lles consta perda de documentación por estas ou outras razóns. Porén, o aspecto dalgún cuarto, con caixas e libros sen orde nen concerto, produce escepticismo.

A pesar de todo o que ten en contra o arquivo municpal, López asegura que neste momento responde con bastante rapidez as consultas cidadás. Se a solicitude non inclúe fototocopia da documentación, a espera para acudir a vela é duns dous días, e dalgún máis se se trata do primeiro caso. É así, asegura a concelleira, grazas á boa disposición dos traballadores, que neste momento son un ordenanza que baixa ao soto a buscar a documentación e unha auxiliar de arquivo, que cita aos solicitantes, asesóraos e custodia os fondos durante a consulta.

A nova relación de postos de traballo do Concello, cuxa tramitación está paralizada, prevé a creación dalgunha praza máis para este servizo. Mentres tanto, López puxo en marcha a convocatoria dun proceso para a cobertura interina dunha praza de arquiveiro. Publicouse este martes.

Século XII
É a data dos documentos máis antigos que custodia o arquivo municipal. Son os foros e ordes reais de fundación da cidade.

Sete séculos están no Arquivo Provincial
Os fondos dende o século XII ata 1884 permanecen en depósito no Arquivo Histórico Provincial, aínda que o seu dono é a administración local. A partir desa data, a documentación que xerou o Concello xa quedou nel, explica Saavedra, arquiveira dende 1991.

Sala da consulta
Entre as carencias do arquivo municipal está unha sala de consulta en condicións. Agora estudosos, profesionais e cidadáns comparten mesas e cadeiras nunha oficina ao uso.

Comentarios