Os arquitectos galegos premian a precisión da lucense Lectocosmos

O colexio galego concedeu un galardón á libraría na categoría de Reforma e Interiorismo porque "anima a gozar da lectura e o espazo"

"O uso mínimo de elementos para compoñer un interior unitario dunha especial precisicón e limpeza" coa que creou a libraría Lectocosmos de Lugo foi destacado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (Coag) nos seus galardóns anuais.

Os profesionais Fernando Martínez López, Miguel Carballido Pensado, Inés Gardia Dinten y Susana Vázquez Rodríguez foron premiados na categoría de Reforma e Interiorismo porque o seu traballo "convida a entrar e anima a gozar da lectura e do espazo". O xurado salientou que propoñen "novas relacións entre o libro e o seu potencial lector, medindo coidadosamente as presenzas os lugares e as escalas". "A disposición dos andeis ordena e compón acertadamente o local", conclúen.

Juan Ignacio Prieto López, nacido en Vilalba en 1981, logrou o apartado de Equipamentos polo seu labor na escola infantil de A Veigadaña (Mos). Os seus compañeiros de proxecto foron Estefanía Grandal e Faustino Patiño. Os motivos do premio foron "a aparente sinxeleza do esquema en planta, baseado nun círculo cortado por unha secante que delimita o patio. Enriquécese notablemente no tratamento da sección, as condicións de iluminación e o uso dos materiais, que compoñen un edificio luminoso e optimista".

"O acerto no uso da escala e a disposición do edificio, como un oasis nunha contorna certamente difícil, fan desta obra modesta unha brillante lección de arquitectura", salientaron os membros do xurado.

Valoración do xurado: "O proxecto de Lectocosmos propón novas relacións entre o libro e o seu potencial lector medindo as escalas"

Además de profesional, Prieto López é profesor de Proxectos na Escola Técnica Superior de Arquitectura en A Coruña.

SERENIDADE. En Vivenda impúxose o estudo Carbajo y Barrios, de Santiago, por unha cooperativa de vivendas na súa cidade pola "serenidade da composición e a sobriedade da linguaxe e o delicado uso dos materiais".

Antonio Pernas venceu en Rehabilitación pola súa intervención "respectuosa" na igrexa de Tirán (Moaña). O xurado considera que se trata "dunha posta en valor exemplar do edificio rehabilitado, que pode servir de pauta para actuacións futuras na recuperación dun amplo patrimonio arquitectónico ameazado".

En Deseño Urbano, Planeamento e Paisaxe venceron Dosesmás por 'As portas do mar', un proxecto que "define unha nova relación entre a vila de Noia e o seu bordo á ría, nunha contorna especialmente difícil e degradada".

Unha vivenda de Cenlle valeu o premio de Arquitecturas Efémeras e de Baixo Custo a Manuel Jorreto. O xurado considerouna "unha proposta marcadamente experimental, onde a procura dunha expresividade minimalista e a calidade dos espazos interiores definen unha arquitectura de gran calidade e precisión".

A exposición, as xornadas e a publicación 'Éxodo', que dirixiu Patricia Muñiz Núñez destacou en Divulgación, Investigación e Deseño pola "implicación no drama das persoas refuxiadas e desprazadas" na actividade dos arquitectos.

Manuel Bouzas Barcala pecha as categorías de galardóns en Proxecto de Fin de Carreira por 'Un buen suceso', en El Pardo, en Madrid. Os xurados subliñaron a súa técnica, á que se suma "un profundo coñemento da historia da arquitectura".

Comentarios