O Arde Lucus volve ter moeda oficial castrexa por segundo ano consecutivo

Carmen Basadre e Julio Montero presentaron o deseño deste ano: un potin de remi fundido en bronce

Carmen Basadre e Julio Montero na presentación da moeda castrexa. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Carmen Basadre e Julio Montero na presentación da moeda castrexa. VICTORIA RODRÍGUEZ

A concelleira de Cultura e Turismo, Carmen Basadre, e o vogal da Asociación Mercenarios Galaicos, Julio Montero, xunto a outros membros do colectivo de recreación histórica, presentaron este mércores a moeda castrexa oficial do Arde Lucus, coa que contará a festa por segundo ano consecutivo. 

VVIT91131No acto, realizado no Vello Cárcere, Basadre amosou a súa satisfación porque o Arde Lvcvs volva ter dúas moedas oficiais, unha romana –da man da Cohors III Lucensium– e outra castrexa –a cargo de Mercenarios Galaicos–, "o que supón seguir dinamizando, con iniciativas novas, a festa", que terá lugar do 15 ao 17 de xuño. Tamén tivo palabras de agradecemento para o traballo que realizan tanto Mercenarios Galaicos como todas as asociacións de Lugo, ben sexa as que representan ao pobo castrexo como ao romano. 

Pola súa banda, Montero agradeceu ao Concello a axuda que presta ao colectivo tanto para poder levar a cabo este proxecto da moeda como polo apoio nas demais actividades que realizan ao longo do ano. 

MOEDA CELTA. Segundo explicou o vogal do colectivo, nesta ocasión Mercenarios Galacios fai coa moeda unha homenaxe ás orixes castrexas, decantándose por recrear unha moeda celta, concretamente un potin de remi, fundido en bronce, acuñado entre os anos 80 e 20 A.C. polos pobos celtas denominados remi, que habitaban a Galia Comata.

No anverso da moeda aparece un personaxe armado cunha lanza na súa man esquerda e o que podería ser un escudo ou un torques na súa man dereita.  No reverso da moeda está representando un lobo, cun simbolismo especial para os celtas. Este animal está vinculado a varios deuses e relaciónase co poder da lúa. 

Mercenarios Galaicos vai poñer a venda unha tirada dunhas 3.000 moedas, cunha medidas de 24mm de diámetro e 1,55 mm de grosor, que se poderán adquirir en distintos comercios da cidade por un prezo de dous euros, así como no seu propio campamento, na Praza Horta do Seminario, ao longo dos festexos.