Anxo M. Lorenzo: "O Bono Cultura xerou en Lugo capital máis ingresos que noutras cidades, como Ferrol"

Case 3.500 Bonos Cultura circularon por Lugo cidade nestes últimos dous meses. Estes cupóns —que ofrecen un desconto do 50 por cento— deixaron 88.405 euros nas cinco librarías adheridas a este programa, posto en marcha pola Consellería de Cultura
undefined
photo_camera Anxo M. Lorenzo. AEP

A Consellería de Cultura outorgou este ano, só na cidade de Lugo, un total de 2.473 Bonos Cultura, cos que subvencionou descontos do 50 por cento na compra de libros, música, videoxogos e tamén entradas a espectáculos. Estes bonos xeraron uns ingresos só nas cinco librarías adheridas ao programa de 88.405 euros. O establecemento que máis operacións fixo foi El Faro de los Tres Mundos, con 525 operacións. Seguíronlle as librarías Lectocosmos, con 496; Trama, con 407; Totem, con 202, e La Nueva Biblos, con 187.

En toda Galicia, puxéronse en circulación, nesta última edición, 20.000 Bonos Cultura. E destes, un 50,25 por cento investíronse na provincia de Pontevedra; o 33, na da Coruña, e un 8,6 e un 8,17, en Ourense e Lugo. Como se explica esa diferenza entre as distintas provincias galegas?
Si, en Lugo houbo unha menor utilización do Bono Cultural que en Pontevedra e na Coruña, quizais tamén hai menos establecementos adheridos ao programa. Non obstante, por cidades, Lugo xerou máis ingresos que outras urbes galegas como Ferrol, por exemplo. Pero, bueno, aínda así pódese dicir que a receptividade do Bono Cultura foi moi alta. O que pode ocorrer tamén é que haxa empresas que formen parte de cadeas e que teñan a súa sede social en Pontevedra, iso tamén podería influír nesas porcentaxes. O fundamental é que esta foi unha iniciativa cun respaldo social importante e que tamén é útil polo que está a aportar á economía e á cultura de Galicia.

Se cadra se quedaron un pouco curtos os Bonos Cultura nesta última edición. É dicir, houbo menos dos desexados...
Temos uns orzamentos limitados pero, de todos xeitos, xeraron unha interacción importante.

Si, pero houbo xente que quedou coas gañas de facerse con un porque se esgotaron rapidamente, xa ao pouco de abrirse o prazo para solicitalos. Non se podería buscar outro sistema que dese opcións a máis xente?
Isto faise noutro tipo de subvencións tamén. Se non se asignasen así, habería un sorteo. Pero quizais este sistema sexa máis rápido para os usuarios.

Pensan amplialos na próxima edición, na deste ano?
Haberá que ver o orzamento do que dispoñemos... Neste ano, seguiremos dando continuidade ás políticas de apoio á cultura cun investimento superior aos 104 millóns de euros, un 8,5 por cento máis que o ano pasado.

A maior parte do gasto fíxose nas librarías. Esta iniciativa contribuíu a reactivar o sector do libro en Galicia"

En que se gastaron os galegos o Bono Cultura?
A maior parte do gasto faise nas librarías. Polo tanto, o Bono Cultura está a contribuír á reactivación do sector do libro en Galicia. De feito, o 80 por cento da facturación total, derivada do Bono Cultura, corresponde a librarías. Este foi o sector cultural no que máis se empregou o bono, por riba dos demais: da música, dos videoxogos e das entradas a espectáculos.

Cantas operacións se levaron a cabo na comunidade autónoma cos Bonos Cultura?
Foron máis de 41.500 operacións, que xeraron uns ingresos por valor de 1,6 millóns de euros nos máis de 500 establecementos galegos adheridos, entre os que se incluían librarías, salas de cine e espectáculos e museos.