"O paciente de hoxe acepta mal os síntomas de envellecemento"

Leva 33 anos como médica de Familia, 26 deles no centro do Sagrado Corazón, onde viu cambiar a actitude dos pacientes cara á saúde e á sanidade. Especializada en tabaquismo, cre que na Primaria se debería facer máis labor preventiva
Andrea Gallego
photo_camera Andrea Gallego

Empezou a exercer cando as competencias sanitarias aínda non foran transferidas e os médicos cubrían sustitucións coa padiola e o fervedor de material cirúrxico nos coches. Nesta entrevista repasa os cambios e retos da súa especialidade.

Onde nace o seu interese pola prevención do tabaquismo?
Nace de dúas cousas: da conciencia do factor de risco de enfermedidade que supón o tabaco e da miña experiencia persoal como fumadora. Eu deixei de fumar dun día para outro, sen preparación, ninguén que me guiara, nin coñecemento do que me ía pasar. Tiven unha síndrome de abstinencia bestial, estiven moi mal, entrei nun estado cuasidepresivo. Dinme conta de que tiña que haber algo para poder axudar aos pacientes, non tiñamos formación dos efectos do tabaco, máis aló de que producía cáncer, e moito menos de qué tratamentos, qué proceso pode seguir o paciente e o profesional para poder axudarlle. A raíz desa experiencia personal e de que xa tiña unha preocupación pola carga de enfermidade que supón busquei onde formarme, fixen un máster na Universidade de Cantabria e impliqueime.

Que capacidade de maniobra ten realmente un médico de Primaria no eido da prevención?
Unha cousa é a teoría e outra é a práctica. A nosa especialidade é Medicina Familiar e Comunitaria. A segunda parte, comunitaria, sería fundamentalmente labores de educación para a saúde e prevención na comunidade. Realmente absorbeunos a labor asistencial e facemos moi pouca prevención. Coa crise, os recortes son bestiais e cada vez temos menos tempo e recursos humanos para atender o que temos. Atendemos o asistencial e a prevención queda limitada ao eido da consulta, salvo casos moi puntuais. Evidentemente, eu fago prevención do tabaquismo; intervencións cos rapaces que deixan de ir a Pediatría e comezan a ir ao médico de Familia, fago prevención das ETS, de embarazos non desexados, do tabaquismo, drogas...pero son escasas. É certo que ese é o camiño: evitar que a xente enferme e promover que o cidadán se responsabilice da súa saúde porque é certo que veñen ao médico a que lles resolvan.

"Cada vez nos responsabilizamos menos da nosa saúde. Pedimos que nos resolvan pero poñemos pouco esforzo persoal"


Como cambiou o comportamento do paciente en consulta?
Moito. Cambiou a sociedade e tamén o perfil na consulta. Empecei no medio rural e hai que dicir que aí o perfil é distinto, é un paciente que cando acode é porque non é capaz de resolver por si mesmo. Diría que era xente con moito máis sentido común, capaces de aceptar algo que agora se acepta moi mal: o paso do tempo. As xeracións anteriores asumían os síntomas propios do envellecemento e consultaban por cousas propias da enfermidade. Hoxe a xente leva moi mal envellecer. Hoxe mesmo tratei de explicarlle a un paciente que ten presbiacusia, pérdida de audición pola idade, e está empeñado que hai que corrixila, non entende que non pode oír igual que hai 25 anos e que non é igual en todos os pacientes. Iso non deixa de ser un signo do paso do tempo e da propia idade. Igual que a pel se engurra, o ollo perde parte da súa funcionalidade, corremos menos e fatigámonos máis, tamén oímos peor. Isto é un cambio moi notorio,tamén porque a televisión lle di constantemente que todo ten solución, que hai unha intervención, unha pastilla para todo. Outra característica é a inmediatez, hoxe os pacientes queren unha solución xa. Estámolo vendo agora coa gripe e os catarros: cando empecei era moi raro que alguén consultara pola tos no inverno salvo que fora algo espectacular, hoxe consultan, explícaslles que é un proceso que ten a súa historia natural e que o que lle vamos dar é simplemente para tratar os síntomas, pero en moitas ocasións ao terceiro día volve porque aínda ten tos. Ademáis, cada vez nos responsabilizamos menos da nosa saúde, pedimos que nos resolvan as cuestións pero poñemos pouco esforzo persoal en hábitos de vida, en exercicio...

Dise que esta é unha época na que se fai unha patoloxía de todo, qu ese interpreta todo como unha enfermidade, isto vese en consulta?
Si, moitísimo. Sobre todo relacionado coa baixa tolerancia á frustración. É frecuente que unha nai traiga a un fillo de 15, 16 anos porque o deixou a moza e está malo, para que lle deamos algo, ou porque a filla ten exámenes e está moi nerviosa. Custa moito aceptar que a vida non é pracer continuo, que ten altos e baixos. Custa aceptar os dós, por exemplo, que é normal que se esté triste e apático durante un tempo. Esa non é unha patoloxía, son problemas da vida.

"Os nosos mozos cada vez se inician antes e nesas idades non baixa a prevalencia"


Dicía que o paciente era máis esixente, tamén no sentido de que pide que se lle recete algo determinado?
Si, enlazado co que estamos falando, que todo ten solución e todo ten algo que pode arreglarse. Ademáis, quere facerse case sen esforzo. Iso leva a que a xente esixa. Dende o meu punto de vista a sanidade vendeuse como un produto de mercado, hai que consumir sanidade e iso vai en detrimento do que é o concepto de saúde dende un punto de vista global, que implica á sociedade, aos profesionais sanitarios coa súa responsabilidade e en igual medida ao cidadán co que ten que asumir: ten a obriga de coidarse e ten a obriga de intentar non enfermar. Isto a sociedade non o ten asimilado.

Percibe que hai pacientes que reciben os xenéricos con desconfianza?
Si, nun sector da poboación si. Hai outro sector ao que non lle crea problema e logo temos outra parte á que lle crea problemas pero non por desconfianza senón porque o confunde enormemente. Temos unha poboación moi envellecida, moitos vivindo sós, sen unha persoa que poida controlar a toma de medicación e que vai facendo a costa de coller unha rutina: a caixa branca pola mañá, a que ten o color amarelo á noite...O problema dos xenéricos é que cambian os envases e ás veces os pacientes móntanse un lío e atópaste con que está tomando dúas estatinas, dous omeprazoles... Creou confusión por isto.

Pensa que hai pacientes que non pisan Primaria, que acuden directamente ás urxencias?
Si que hai. Hai unha concepción de que se se vai a urxencias do hospital, malo será que non lle caiga unha placa, unha análise e non miren algo máis e isto propicia abusos. Forma parte do feito de non ter traballado o suficiente en educación en saúde, é un déficit. Seguramente todos somos culpables. A Primaria é esencial, outra cousa é que estemos onde estamos e que non se potenciara o suficiente, que a unión de Primaria e Especializada coa xerencia única non dera o resultado que se esperaba...

Por que?
Porque a mentalidade e o xeito de traballar segue sendo tremendamente ‘hospitalocentrista’. Hai descoñecemento no hospital do que se fai en Primaria e como se traballa. Hai escasa comunicación, aínda que se van abrindo vías... Iso non favoreceu a Primaria. Seguiría reclamando máis atención a Primaria, máis medios, comunicación máis fluída, e dende as institucións, en canto a prevención, sigo pensando que todo o tema do tabaquismo está desaparecido. Vemos que cada ano hai unha campaña da DGT sobre a condución segura, machácannos na tele continuamente co tema do colesterol e non hai campañas nin actividade con respecto ao tabaquismo. Non podemos esquencer que temos unha prevalencia grave e que os nosos rapaces e rapazas se inician cada vez máis pronto e nesa idade non baixa a prevalencia.

Comentarios