"Creo que teriamos que poñer en marcha a campaña 'Lugo existe'"

A líder nacionalista visita este martes a cidade con motivo dos actos de celebración do Día da Patria Galega, nos que alenta á mobilización ante a "discriminación que padece Galiza no Estado", que no caso lugués se traduciría na falta de infraestruturas ou no "abandono" do casco vello
Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón

CON MOTIVO da celebración do Día da Patria Galega, o vindeiro 25 de xullo, o BNG está realizando unha campaña que albisca poñer o foco nas «discriminacións que o Estado impón a Galiza». Así o indica a portavoz nacional do partido, Ana Pontón, que este martes ás 12.15 estivo na Tinería para instar á mobilización da cidadanía.

Cal é o obxectivo da súa visita?

En primeiro lugar, quero convidar a todo o mundo a participar nas celebracións con motivo do Día da Patria, na mobilización na que nos reivindicamos como un pobo con dereito á liberdade que quere buscar o seu lugar no mundo. Tamén queremos que esta mobilización sirva para opoñernos á discriminación que padece Galiza fronte ao Estado. E Lugo sabe moito disto.

Que aspectos destacaría deste agravio en Lugo?

No eido das infraestruturas, é penoso que despois de tres anos só teñamos dous tramos da autovía Lugo-Santiago, ou que o tren siga igual que cando se inaugurou. Son exemplos de como a discriminación do Estado é unha realidade, e por iso temos que reivindicar o que nos corresponde no 25 de xullo. Lugo esmorece, con menos poboación, máis envellecida, sen unha aposta pola súa revitalización económica. Ante iso, temos que pedir un cambio. Temos un goberno indolente e un marco político insuficiente. Como país, temos que dar un paso adiante, reclamar algo máis ca un estatuto autonómico que na práctica non serviu para lograr un proceso de modernización e un estado de benestar pleno.

"A Tinería é unha mostra do potencial enorme que temos, pero tamén do desleixo das administracións"

Que outras demandas sinalaría para a cidade?

Lugo é unha cidade cun patrimonio importantísmo, pero creo que todo o potencial que se podería desenvolver dende o punto de vista cultural, turístico e de cohesión social á volta do Lugo romano non está ben potenciado. Aínda así, o problema maior que ten Lugo é o abandono de todas as administracións. Creo que neste momento teriamos que poñer en marcha a campaña ‘Lugo existe’, porque durante os últimos anos quedou descolgada das grandes infraestruturas, o que ten un custo enorme de cara ao futuro. Outra das grandes eivas é a falta de apoio ao noso sector agrario. Dotalo de posibilidades de transformación da materia prima debería ser un dos proxectos estrela de calquera goberno con responsabilidade.

Elixiu o barrio da Tinería para instar a esta mobilización. Por que?

O barrio da Tinería é unha mostra do potencial enorme que temos, pero tamén do desleixo das administracións. O BNG iniciou o proceso de recuperación da zona cando tivo responsabilidade política, pero o PP deixou que caera no baleiro. Queremos chamar a atención sobre a necesidade de deixar de destruír o noso patrimonio, e chamar a atención sobre unha zona que ten tantas posibilidades.

Tamén pola Tinería transcorre o trazado do Camiño Primitivo que o BNG defendeu nos últimos meses, do que mañá percorrerá un tramo a modo de protesta. Que logros acadaron na defensa desta ruta?

Levamos varios meses de traballo, porque non nos parece normal que se cambie o trazado do camiño á marxe da realidade histórica. Non pode ser unha liña deseñada por un político, senón que ten que responder á historia e aos seus estudos. Nin sequera acertan na sinalización, e hai problemas con cuestións básicas.

Comentarios