JOSÉ MANUEL BLANCO, CANDIDATO DE CS AO CONGREGO

"Amo a montaña e non me importaría ser o capitán dunha comandancia rural"

Semella inasequible ao desalento e, a pesar dos prognósticos que as enquisas fan sobre Cs, o enxeñeiro xefe da Hidrográfica en Lugo repite. Aos lucenses dilles que xa saben cal é o resultado de votar ao PP e ao PSOE na provincia e que a única forma de saber o que rende Cs é probar.
José Manuel Blanco. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera José Manuel Blanco. VICTORIA RODRÍGUEZ

DEFENSOR do galego, moi apegado á montaña, concienciado cos problemas do interior e do rural... Soa moi pouco ‘ciudadano’. 
Cs é un partido novo, honesto, que nunca roubou, que nunca defraudou, moderno e liberal. Óptimo para facer cousas nas que cres. Os partidos ao final fanos as persoas. Os clixés son simplismos.

Molestan?
Molesta explicar que non son pexorativos. Quen máis se debería identificar con iso e sacar peito é quen máis vergoña ten. É algo así como a diglosia. Debéramos sentirnos orgullos do que somos.

Girauta di que as enquisas non acertan con Cs porque o seu votante non é de camisetas nin de presumir de siglas. Avergóñanse?
Non, o que pasa é que é un voto reflexionado. E pensar ás veces está mal visto, parece mellor ser hooligans, votar por paxión, porque sempre fuches dun...

A súa tía Nieves quéixase de que Feijóo leva dez anos sen ir ao Courel. Xa a convenceu para Cs?
Si, pero é un exemplo desa xente de dereita á que lle custa ver a Cs como unha opción de cambio, de goberno. É que o PP e o PSOE levan 40 anos e Cs está dende 2015. Hai que facer pedagoxía.

Vostede militou no PP e agora, como os exfumadores, é o seu peor azoute. Percíbese resentimento.
Para nada. O que hai é liberación, ver que hai outras opcións de centro. Porque antes o PP quería representar o centro, agora non.

"Hai que votar a Cs, ensaio-erro, se non probamos cousas novas teremos que sempre os mesmos resultados"

Dise que as eleccións se gañan polo centro e semella que Cs está á baixa. Quere dicir iso que Cs non é tan de centro como presume?
Quere dicir que nalgunhas circunstancias a opinión pública pode facer algunha valoración, pero a baixada real vaise ver o 10- N. De momento baixou o mesmo que o PSOE, o PP, Vox..., cero. En abril sacamos 17.000 votos, e con esa cifra noutras circunstancias quizais podería ser posible ter deputado. Precísase un voto máis que a metade dos votos do segundo. O PSOE chegou a ter 45.000.

Di que De Olano fai máis pola industria de Ávila ca pola de Lugo.
É lexítimo é lóxico que un deputado procure o progreso de España, pero hai que ter interese pola xente que te elixiu. E tanto o PP como o PSOE toman a Lugo como un graneiro para conseguir escanos.

De que lle serviron a Lugo os escanos de Cs no Congreso?
De moderación. Cs sempre aporta moderación nas visións de estado, centralidade e seriedade.

Moderación non é o obxectivo que mellor define a Rivera ultimamente. Dixo que quere ser presidente para encarcelar. Séntese cómodo vostede, que ten un discurso moito máis sosegado, con esa dureza?
Son malas pasadas do discurso, e xa rectificou, porque loxicamente sabía que o poder executivo non pode encarcelar a ninguén. Son malas pasadas. Pero en determinados temas que son serios e graves hai que poñerse trascendente. Eu síntome ben con Cs, cómodo.

Usa un paraugas en campaña. Se fora máxico, de que se protexería? Ou a quen protexería?
Aos lucenses dos representantes que se valen deles para o seu interese particular ou partidista.

Por que hai que confiar en que un deputado de Cs non sexa así?
Por ensaio-erro, é como progresa a ciencia. Se non probamos cousas novas teremos sempre os mesmos resultados. E os de Lugo no contexto do avance nacional son paupérrimos. A importancia que se lle dá á provincia, o peso político... Incluso no contexto galego tendemos a un atlantismo.

Que sentiu cando Garicano dixo que o Ave galego era un disparate e que había que investir en I+d?
Que fora un erro. Houbo rectificación. Xa na anterior campaña Garicano estivo en Santiago presentando un plan de infraestruturas estatal onde o Ave a Galicia era unha prioridade. Cs loitará para que o Ave chegue de verdade e nas mellores circunstancias.

Vostede é dos que cren que os plans de protección, como os que afectan á súa terra, axudan aos territorios ou dos que pensan que acaban con eles?
O que acaba cos territorios son os plans pancartistas, chámese xeoparque, reserva da biosfera, red natura..., porque agás este, que ten amparo legal, o resto non ten medidas efectivas. Necesítanse instrumentos de protección con presuposto e non burocracia. Eu estou a favor do parque natural, a única figura declarativa, proteccionista e con presuposto. O PP non foi quen de cumprir o que Fraga quería para o Courel.

Gústalle a historia. Cunha visión de historiador, aínda que non o sexa, que análise fai de Lugo?
Podería ser como Tarragona, capital do imperio cando Augusto conquistou o noroeste. Merecería ser o que na súa creación se intentou que fose, de feito a súa muralla é a dunha cidade grandiosa.

O seu pai foi garda civil. A vostede nunca lle tentou?
Son enxeñeiro de Montes porque amo a montaña. Admiro moitísimo a Garda Civil e non me importaría ser o capitán dunha comandancia rural.

Comentarios