Ameijide denuncia que "o descontrol" na Policía Local paraliza obras por falta de permisos

Antonio Ameijide, portavoz municipal del PP. J. VÁZQUEZ

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia que "o descontrol que creou Lara Méndez no seo da Policía Local bloquea o avance da cidade, xa que ou non se realizan obras ou se atopan paralizadas ante a falta dos permisos correspondentes".

Ameijide explica que numerosos particulares amosaron xa o seu malestar por non poder realizar as obras para as que solicitaron permiso, xa que desde o Gabinete de Tráfico non se resolven as solicitudes de ocupación de vía, ao non ter este departamento un responsable por mor da xubilación do último xefe. "Isto", explica o popular, "provoca que as obras non se poidan realizar conforme á normativa vixente, xa que a lei establece que, no caso de que a reserva autorizada se realice nunha zona destinada á circulación rodada, haberán de estar en posesión do preceptivo informe emitido polo Gabinete de Tráfico da Policía Local".

SANCIÓNS. O voceiro do Partido Popular explica que xa tivo coñecemento de varios casos de sancións a particulares por carecer do permiso de ocupación, a pesar de que a licenza de obra e o permiso de ocupación de vía concedidos polo goberno municipal recoñecían a necesidade e o dereito de ocupar a vía. "Nalgúns casos dan un prazo de ocupación de vía pública de 90 días, pero deteñen a obra ao non ter o informe e autorización do Gabinete de Tráfico, polo que ao cumprirse ese prazo os interesados teñen que solicitar de novo o permiso ao Concello", afirma.

Antonio Ameijide culpa a rexidora municipal, Lara Méndez, desta situación, que afecta a obras privadas e tamén públicas, "xa que o descontrol que creou na Policía Local durante os últimos anos -situación que se agravou moito nas últimas semanas-, está a paralizar o avance da cidade de Lugo".