Álvaro Santos: "A integración non é reparto de sillóns, senón sumar co traballo"

Álvaro Santos (Friol, 1980) fixo bos os prognósticos que apuntaban a que fóra do poder vai moito frío. Agora ten que encontrar o modo de recompoñer un PSOE que hai tempo que camiñaba sen un líder claro

Álvaro Santos. SEBAS SENANDE
photo_camera Álvaro Santos. SEBAS SENANDE

Deputado e voceiro do goberno da Deputación, Álvaro Santos está a completar unha carrera meteórica dentro do PSOE lucense, no que entrou en 2007. Din que foron José Ramón Gómez Besteiro e Darío Campos os que lle fixeron a encarga, pero xa ninguén pode negarlle que foron os militantes os que lle outorgaron a confianza para poñer o partido en orde de revista, logo de dous anos dirixido por unha xestora. O desafío non o arreda, aínda que ten moitos rotos que coser. 

Deulle tempo a pensar na mellor maneira para facer realidade a integración dos perdedores?
Iso téñoo claro é díxeno así na campaña: o traballo é o mellor instrumento de unión que temos. Para definir obxectivos, para marcar camiños para chegar a eses obxectivos e para ofrecer á cidadanía un proxecto claro e nítido. 

Recibíu ese ofrecemento de parte dos outros dous candidatos? Pareceulle sinceiro?
Creo que ese ofrecemento é sinceiro. Ser socialista implica que todos esteamos implicados na organización política. Creo que existe una posibilidade real de integración, entendendo a integración non coma un reparto de sillóns, senón da oportunidade de que todos sumemos a través do traballo. A nosa responsabilidade é ofrecer os espazos, os foros, a estrutura de partido que permita que todos participemos. E creo que van participar, porque coñezo a todo o mundo e ten participado hasta agora. A discrepancia ou a existencia dunha diferencia de opinión nun asunto concreto enriquece e aporta contido.


Ata que punto eran profundas esas diferenzas de opinións mostradas na campaña, tan profundas coma podía parecer dende fóra?
Non. Creo que non hai tantas diferenzas dentro do PSOE. Pode haber diferentes opinións sobre como organizalo, que e o que debatíamos nas primarias. Polo demais, creo que hai moitísima ilusión e moitísimas gañas de traballar por parte de todo o mundo. Cada día os afiliados reclaman máis participación; é saudable, bo para organización, dar ese espazo. Porque vai servir tamén para a filosofía que eu teño: que hai algo que nos fai iguais, sabernos socialistas. Na campaña insistín en que non quero ser o secretario que lle diga aos militantes cal é a postura do partido, senón o secretario que defenda a postura que deciden os militantes a través dunha organización participativa e de crecemento horizontal. 

"Non hai tantas diferenzas dentro do PSOE, senón diferentes opinións sobre como organizalo"


Felicitouno José Ramón Gómez Besteiro?
Si. Besteiro, e Gonzalo Caballero, e José María (Arias), e Patricia (Otero) e moitísimas compañeiras e compañeiros. Podo dicir que son o candidato de todos. 

Cre que foi ben recibida a súa vitoria tamén no partido a nivel galego, porque non era a aposta de Gonzalo Caballero?
Eu non sei se apostou o non por otra persoa. Non creo nas etiquetas de ninguén porque non crin as que me puxeron a min. Creo que a miña vitoria foi ben recibida, pero tampouco me preocupa iso; temos os mesmos militantes e os mesmos anhelos e as mesmas gañas de traballar.

Os resultados das primarias provinciais do PSdeG apuntan unha situación que pode apuntalar a estrutura de baronías. Será posible crear un partido cohesionado en Galicia?
Si, totalmente convencido de que imos facelo. Non é unha opción, é unha obriga que temos. Eu no das baronías non creo, son etiquetas falsas. Nós temos compañeiros que representan ao Partido Socialista. E tamén é certo que hai moitos militantes aos que lles gusta nun momento escoitar que opinan, pero non hai baróns, nin debe habelos. 

Falouse tamén do risco de que poida xurdir do seo do propio PSdeG lucense un partido, unha candidatura que acubille aos descontentos. Barállase incluso algún nome moi próximo físicamente a vostede. Teme esa posibilidade?
De verdade, non me da medo ningún compañeiro. Estou convencido de que non haberá unha candidatura de socialistas fóra do Partido Socialista. Depende do secretario xeral? Non, do secretario depende dar a oportunidade a todo o mundo de participar en igualdade de condicións. Todo o demais, xa se verá o que vai pasando. 

Non se pode ignorar que a frustración e o cabreo son forzas de movilización moi poderosas.
Si, pero en política estase para ser útil aos cidadáns. Do que depende de min, teño a man aberta a todos para que participen na consecución dun proxecto socialista na provincia. No que non depende de min, non podo aventurar que vai pasar. O que si que digo é que un socialista non se presenta ás eleccións fóra das listas do Partido Socialista.

"Non sei se Caballero apostou por outra persoa, non creo nas etiquetas de ninguén porque non crín as miñas"


Deulle tempo a analizar os resultados polo miudo ou foi un día so para felicitacións?
Deume tempo a recibir as felicitacións, agradecer os apoios e falar con moitos compañeiros. Non me deu tempo a máis. 

Donde estivo a clave dunha vitoria tan contundente?
Non analicei os resultados agrupación por agrupación, porque non tiven tempo nin é algo prioritario. Creo que o resultado débese a moitos anos de traballo nos que axudei e colaborei con todos os compañeiros en aquilo que necesitaron. En concreto, na campaña creo que foi moi importante que pedín que fora moi respectuosa, non só pola miña parte senón tamén por aquelas persoas que podían apoiarme, porque tiña o convencemento de que calquera compañeiro o compañeira que se presentase facíao pensando que era o mellor para o partido. É un talante propositivo e construtivo e así foi a miña campaña, na que deixei claro que todo o mundo vai ter un lugar para traballar. Creo que iso foi o que me fixo gañar. 

A campaña foi igual de limpa por todas as partes?
Non sei que campaña fixeron os outros, chegoume dabondo con facer a miña. 

No seu recorrido por todas as agrupacións provinciais, que reclamacións e que reproches recibíu dos militantes?
Non recibín nin un só reproche. Fixéronse moitas preguntas sobre como vía a postura do partido en diferentes cuestións, pero o que reclamaban eran escenarios de participación real, de participación bidireccional, que poidan aportar e coñecer que está a facer a dirección do partido. E iso lles ofrecía, a miña proposta cambia radicalmente a estrutura do partido: descentralizar a información da xestión da executiva provincial, do comité provincial, donde só acuden delegados, e levalo a todos os militantes a través deses encontros comarcais que se farán unha vez ao ano. E piden outra cousa: toma de decisións con claridade e cunha explicación de por que se toman. Hai que pensar que o PSOE sofre un momento convulso de procedemento interno e de reorganización, o que debilita a capacidade de decisión dunhas xestoras que estaban pensadas para conducir os congresos territoriais; a xente bota en falta esa toma de decisións clara e que as tome unha dirección. 
 

Comentarios