"Os alumnos teñen ganas este ano de que haxa a máxima presencialidade nas aulas"

Comeza hoxe o curso no campus co reto de dar clase, como mínimo, a todos os primeiros, coas distanzas de seguridade axeitadas. Non foi doado. Hai grados, como Veterinaria ou Formación do Profesorado, que tamén terán clases online. 
Montserrat Valcárcel. XESÚS PONTE
photo_camera Montserrat Valcárcel. XESÚS PONTE

PREPARADA PARA asumir a xestión dun curso cheo de interrogantes, Montserrat Valcárcel encara un ano máis do seu mandato como vicerreitora do campus, cargo no que xa tivo que afrontar outros retos hai meses como o control horario, mediante o sistema de fichaxe, do profesorado e investigadores e tamén do persoal de administración e servizos.

Custou moito preparar o inicio deste curso que comeza hoxe?

Máis custou adaptarse ao que pasou en marzo, cando se decretou o estado de alarma, para poder continuar co curso. Grazas ao persoal docente e ao persoal de administración e servizos, conseguiuse que o curso seguise adiante. Agora, a cousa é máis fácil porque hai planificación e temos a experiencia do curso pasado pero a medida de gardar a distanza de metro e medio entre os alumnos fíxonos ter que buscar outras solucións e, nalgúns casos, foi difícil.

Poñerán en marcha algunha medida para controlar que se cumpran as normas e evitar contaxios?

Temos este ano un programa de voluntariado que, ata o momento, recibiu unha acollida boa dos alumnos. Eles teñen ganas de que haxa a máxima presencialidade. Por outra banda, a participación no programa dálles créditos.

Predominarán as clases presenciais ou online?

Non todos os centros apostaron polo mesmo escenario. Na Politécnica, en Ciencias da Cultura,en Administración de Empresas e en Relacións Laborais, todas as clases serán presenciais. En cambio, en Veterinaria, só serán primeiro e quinto; en Nutrición, só primeiro e, para iso, habilitarase o salón de actos de Humanidades; en Formación do Profesorado, os dous másteres (o de natureza e o de profesorado) serán presenciais, igual que os alumnos de primeiro, pero nos outros cursos haberá clases presenciais e online, e en Enfermería, haberá quendas por metades de grupos de clases presenciais e online para as leccións maxistrais e as prácticas na escola serán todas presenciais.

As clases online faranas os profesores desde os centros ou desde as súas casas?

Desde os centros. Puxemos cámaras nas aulas e compramos ordenadores portátiles e software.

Terán mamparas?

Non, no campus non haberá mamparas. Teremos unha oficina de xestión do covid, coa extensión telefónica 11111, e haberá un delegado covid en cada centro. Asimesmo, en cada facultade dispuxemos un local burbulla para illar a xente que presente síntomas. Os alumnos sentarán, ademais, no mesmo sitio e farán o rexistro na secretaría virtual. Tamén lles imos propoñer que baixen a aplicación Radar Covid.

Canto se gastou nestes axustes?

En toda a USC, 2,5 millóns. No campus de Lugo, podería ser a terceira parte.

Aumentou a matrícula este ano en Lugo. Cantos alumnos máis hai?

Temos 812 prazas cubertas fronte ás 595 que había o ano pasado. Máis de 200 alumnos novos.

Pode ser que os estudantes de Lugo optasen por quedar na cidade e non ir para fóra, debido á pandemia e á incertidume?

Pode influír, pero hai de todo. No máster da natureza, hai máis xente de aquí e ningún alumno doutros continentes, como pasaba estes anos. En Veterinaria, segue a haber alumnado de toda España... Quizais hai menos xente de fóra que vén a Lugo a estudar pero, aínda así, seguen a vir. Por exemplo, hai algo máis de vinte estudantes Erasmus para este cuatrimestre e o curioso é que hai xente de Veterinaria —grao que non adoita a ter Erasmus outros anos— e tamén de Administración de Empresas.

Outro factor que puido determinar o aumento de matrícula do campus puido ser o éxito das novas titulacións que veñen este ano para o campus: Bioquímica, Empresa e Tecnoloxía e tamén o grado aberto 5 USC Enxeñerías?

Os graos novos funcionaron moi ben. Bioquímica e Empresa e Tecnoloxía cubriron rapidamente as 90 prazas que tiñan e o grado aberto 5 USC Enxeñerías, tamén encheu as 10. Pero, aínda así, hai máis aumento de alumnos que estas 100 prazas novas.

Cales son as carreiras nas que aínda hai prazas libres para poder matricularse a estas alturas?

Temos aínda pendentes os resultados da Abau de setembro. Polo tanto, aínda haberá xente que se teña que matricular. Agora mesmo, hai prazas libres en Administración de Empresas, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural; Enxeñería Civil, Forestal, de Procesos Químicos e Agrícola; Relacións Laborais e Paisaxe.

Que graos foron, no outro extremo, os máis solicitados?

Enfermería, Veterinaria, Bioquímica e Empresa e Tecnoloxía. Hai tamén outras carreiras que seguen a ter moi boa acollida como a simultaneidade de Formación do Profesorado en Infantil e Primaria, Enxeñería Agrícola e Forestal e Nutrición.

"Temos xa todo listo para presentar en Educación a acreditación de Campus Terra"

Está no ecuador do seu cargo como vicerreitora. Como levou estes dous anos?

Ben, gústame facer proxectos. Agora temos xa todo listo para presentar en Educación a acreditación de Campus Terra. Outro proxecto é a Granxa Gayoso, onde se fará docencia e investigación.

O proxecto de levar Formación do Profesorado ao campus segue aínda en pé?

Esa é unha negociación coa Xunta e está a pelota alí. Agora mesmo, ese tema está en stand-by.

Como foi o control de horarios?

Ben, agora está normalizado, como ten que ser. Hai que rendir contas do que se está facendo.

A nivel persoal, bota de menos as clases que daba na Politécnica?

Iso é o que peor levo. Gústame ese contacto co alumnado, coas novas xeracións. Cando estudei Agrónomos non pensaba ser docente, pero acaboume por gustar.

Comentarios