domingo. 29.11.2020 |
El tiempo
domingo. 29.11.2020
El tiempo

Alumnos da USC instan a resolver a "incerteza" sobre as avaliacións 

Unha imaxe parcial do campus de Lugo. EP
Unha imaxe parcial do campus de Lugo. EP

Representantes do alumnado de graos e másteres impartidos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), tanto no campus compostelán como no de Lugo, reclaman á institución académica que se resolva "coa maior rapidez posible" a "situación de incerteza" que lamentan que existe en relación ás avaliacións, nun curso marcado pola interrupción das clases presenciais ante a crise sanitaria. 

A través dun comunicado, maniféstanse así un día despois de que as tres universidades galegas acordasen, nunha reunión coa Consellería de Educación, manter o calendario virtual o que resta de curso, no que non se retomarán as clases presenciais. Quedou por pechar a forma na que se avaliarán os contidos, un tema que prevén tratar nun novo encontro a finais de abril en función da evolución da alerta provocada pola expansión do coronavirus.

Así as cousas, e ao tempo que agradecen as medidas adoptadas pola USC para "tentar facer a situación o máis levadeira posible", os representantes dos alumnos aseguran que non son suficientes, chaman a ter en conta o seu punto de vista e solicitan coñecer as alternativas de avaliación. Constatan tamén que unha parte do profesorado non se está a acoller a plans de docencia virtual.

Neste curso extraordinario, "dadas as dificultades para seguir adiante co actual sistema de avaliación", apostan por que tamén se teñan en conta "outras vías ademais dos exames" e mesmo estudar "a posibilidade de superación da materia sen levar ao cabo avaliacións", "como sería o caso de optar polo aprobado xeneral ou liquidación do cuadrimestre ou curso". Salientan tamén que, "dada a gran heteroxeneidade de graos", non é posible aplicar un único método para todos os centros e cómpre ter en conta as súas situacións, igual que as dos alumnos.

En calquera caso, os representantes dos alumnos solicitan que haxa unha marxe mínima de tres semanas entre o momento no que se comunique do método de avaliación de cada facultade e a súa realización. 

Alumnos da USC instan a resolver a "incerteza" sobre as avaliacións 
Comentarios