jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

"Algúns meses traballei 30 ou 31 días seguidos, pero voume cunha débeda de gratitude impagable"

Jose Manuel Balseiro. XESÚS PONTE
Jose Manuel Balseiro. XESÚS PONTE
Nos seus catro anos como delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro multiplicouse para darlle  á Xunta o protagonismo que se merece, "ao ser a administración que máis inviste na provincia", di
 

DESDE A súa chegada á delegación territorial da Xunta, José Manuel Balseiro Orol dotouna dun maior contido, o que á súa vez fixo que el mesmo acadase protagonismo. Propios e adversarios recoñécenlle a súa gran capacidade de traballo e o seu instinto político. O seu relevo causou certa sorpresa, aínda que el manifesta que se trata "dunha decisión que entendo. Hai momentos en que se consideran convintes novas estratexias". Balseiro defínese "unha persoa de partido, da casa, e asumo que en cada momento debo estar onde me toque". Agora xa pensa en clave parlamentaria, ilusionado con volver á Cámara galega, "a miña segunda casa", dice. É deputado autonómico electo desde 2005 e só deixou de exercer ese labor neste paréntese de catro anos en Lugo.

Como delegado territorial puxo vostede unha especial énfase en resaltar a capacidade inversora da Xunta na provincia
Trátase de describir a realidade. A Administración galega é, con gran diferenza, a que realiza un maior investimento no territorio lucense. Outras institucións presumen, pero o dato obxectivo é que o Goberno galego financia e sostén os principais servizos públicos. Trasladar isto á cidadanía é un exercicio de transparencia. Estamos obrigados a render contas aos veciños do que se fai cos cartos que proceden dos seus impostos.

Ten vostede fama de ser un adicto ao traballo.
Sei desconectar, pero estes catro anos dediqueille moitas horas á delegación, incluídos sábados e domingos. En ocasións traballei os 30 ou 31 días do mes seguidos, pero voume cunha débeda de gratitude impagable polo apoio recibido. Os obxectivos acadados non son froito do meu empeño, senón do esforzo conxunto dos xefes territoriais, que forman un equipo dedicado e eficiente. Cando cheguei á delegación fixen cambios paulatinos que afectaron a un 80 por cento das xefaturas territoriais. Tamén quero resaltar o traballo do meu gabinete, e en especial, o do seu xefe, Toño Gallego, e da xefa de prensa, Xulia Rivas, que botaron tantas horas ou máis có delegado. Todos remamos na mesa dirección. O delegado marcaba o rumbo político, pero o equipo respondeu.

Pódese dicir que vostede e o seu equipo aportaron o seu gran de area aos bos resultados do PP lucense nas últimas autonómicas?
Nuns comicios galegos, o importante é o candidato. O presidente Feijóo tira moito en Lugo e en Galicia. O éxito electoral é, nun grao moi alto, froito da súa proxección. Desde a delegación territorial, e desde o PP lucense, tamén se fixo un labor encomiable. O Partido Popular obtivo en Lugo a maior porcentaxe de voto das provinciais galegas e sacou nove deputados. Foi o territorio onde se lle deu un golpe máis grande ao PSOE, que pasou de tres a dous parlamentarios, lonxe dos cinco que tivo en 2009, pese a gobernar na Deputación e na capital e a ter a alcaldía de boa parte dos concellos máis grandes. O PP tamén acadou no concello de Lugo o maior índice porcentual de sufraxios das sete principais cidades galegas.

José Manuel Balseiro XESÚS PONTECre que acadou os obxectivos que se marcou e que lle marcaron cando chegou ao cargo?
Honestamente, esa é unha pregunta que lle corresponde dar á cidadanía, non a min. Seguro que cometemos erros, pero penso que houbo máis acertos. Penso que o apoio electoral acadado polo PP é un síntoma de confianza no feito e no que queda por facer.

Habería proxectos cuxa realización lle agradarían especialmente?
Son moitas as actuacións da Xunta na provincia e dependen da decisión do presidente e dos seus conselleiros. Como calquera cidadán, estou satisfeito pola instalación de Hemodinámica no Hula, dos proxectos para dinamizar o barrio da Residencia, da ampliación do Hospital da Costa ou do desdobramento do corredor de Sarria ata A Pobra. Son algúns dos moitos méritos do Goberno galego.

No eido persoal, que sabor de boca lle deixan estes anos na delegación da Xunta?
Voume agradecido ao presidente Feijóo porque me deu a oportunidade de ocupar este posto. Tamén teño que agradecer o esforzo do meu equipo, dos funcionarios e demais traballadores da Administración autonómica, nos que atopei sempre unha boa disposición, Tratei de devolverlles esa confianza con traballo. Marcho tamén agradecido aos alcaldes, voceiros, concelleiros e militantes do PP na provincia, cos que non tiven nin unha soa fricción. Sentinme arroupado por toda esta xente, do mesmo xeito que ninguén pode dicir que non o recibiu o delegado territorial. Estiven a disposición de políticos, asociacións empresariais, culturais e veciñais e dos particulares. Deixo a cero a axenda de visitas concertadas.

Faríalle algunha suxestión ao novo delegado territorial?
Non son quen de dar consellos a ninguén. Javier Arias Fouz é unha persoa sobradamente preparada e estou convencido de que dará boas sorpresas. Incorporeino ao equipo da delegación como xefe territorial de Infraestruturas e fixo un labor estupendo. Foi leal e eficaz.

"Sempre lle prestei a miña colaboración e apoio a Elena Candia"


Hai quen sostén que as súas relacións coa presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, non son tan fluídas como noutros tempos?
Sempre mantiven unha actitude de colaboración con Elena Candia. Na miña época como secretario provincial do PP apoiei o seu proxecto como candidata á alcaldía de Mondoñedo e, máis adiante, contou co meu respaldo para chegar á presidencia provincial do partido. Tanto no ámbito provincial como autonómico sempre sentín o respaldo dos dirixentes do meu partido. Creo que a miña capacidade de traballo e os resultados acadados son recoñecidos a todos os niveis. Só teño palabras de eloxio cara a Alberto Núñez Feijóo e o PP de Lugo.

É posible que a súa constante presenza nos medios xerase malestar noutros políticos do seu partido, sobre todo co protagonismo que acadou ao lanzar campañas como a creación dun parador no antigo cuartel de San Fernando?
Os responsables autonómicos e provinciais do Partido Popular eran os primeiros en pedir que a Xunta fora proactiva e que participase en todos os debates e campañas nos que estamos obrigados a ter voz, porque falamos do futuro da provincia e de temas que importan aos lucenses. Potenciar o turismo nunha cidade na que pechan todos os días establecementos comerciais é un deses debates que é necesario abordar en busca de alternativas.

Cre que cumpriu co obxectivo de exercer como contrapoder fronte á Deputación ou mesmo o Concello de Lugo?
Non creo que o papel das institucións sexa o da confrontación. Os cidadáns queren que cooperemos e cheguemos a acordos. Hai quen usa as institucións de xeito partidista, pero para min é un erro. O orzamento da Xunta de Galicia é quince veces superior á Deputación de Lugo. Dicir que o papel da administración autonómica é máis relevante no benestar dos lucenses é unha obviedade. Non creo que o esforzo en facer chegar a cidadanía as iniciativas do Goberno galego sexa exercer de contrapoder. A relación coa Deputación e o Concello foi boa, aínda deixando clara a xestión que fixo cada un.

A súa sintonía nas negociacións sobre o auditorio co tenente de alcalde do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, foi real ou respondeu máis a unha performance política?
Sempre mantiven un clima de entendemento coas persoas que traballan de xeito construtivo para solucionar problemas. As reunións con Rubén Arroxo contribuíron a desbloquear cuestións que levaban anos bloqueadas, sen avances. Conseguimos pechar a cesión do novo auditorio de Lugo. A pena é que as diferenzas no goberno local seguen a manter pechada a principal infraestrutura cultural da provincia e unha das máis importantes de Galicia. Manteño tamén unha boa relación coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e co presidente da Deputación, José Tomé. As personas están por riba das ideas e os cargos políticos.

Despois de ser secretario provincial do PP e delegado territorial, botará de menos esa estreita relación con cargos institucionais e militantes do seu partido?
Será distinta. Vou con ánimo de traballar e de seguir mantendo contacto estreito coas xentes do PP e cos lucenses en xeral, agora desde o Parlamento de Galicia, que penso que vai ter un especial protagonismo nesta lexislatura. Se somos os representantes dos lucenses temos que ter un contacto estreito cos alcaldes e voceiros para traducir a vontade da veciñanza en iniciativas parlamentarias.

Volve vostede ao Parlamento galego, onde xa é un veterano. Falou xa dos cometidos que terá na nova lexislatura?
O voceiro do grupo parlamentario popular, Pedro Puy, ten que repartir responsabilidades, nomear voceiros e distribuír funcións. Estarei alí onde entendan que poido ser máis útil, sempre mirando polos intereses da provincia e da Mariña lucense en particular, como deputado desa zona. De momento só se nomearon postos en comisións e eu serei vicepresidente na de Pesca, área na que teño experiencia.

"Nunca escapei das polémicas, pero síntome querido"

Vostede e o presidente da Cámara, Miguel Santalices, tiveron un destacado protagonismo na oposición do PP frente ao Goberno bipartito. Que lembra daquela etapa?
Foi un período complicado, do que fago un balance positivo. Miguel Santalices, na comisión de Sanidade, e eu, na de Pesca, fomos políticos bulliciosos. Tentamos facerlle un estrito control ao goberno, dun xeito construtivo, pero tamén evidenciando o que despois os galegos refrendaron nas urnas ao facer o bipartito o Goberno máis breve da historia recente de Galicia, xa que os cidadáns mandaron de novo ao PSOE e ao BNG á oposición. No meu caso, recoñezo que nunca escapei das polémicas, pero síntome querido polos compañeiros de Cámara.

Que lle aportou o seu labor como secretario da mesa do Parlamento hai dúas lexislaturas?
Sempre che facilita ter un coñecemento máis a fondo da Cámara e da propia Administración autonómica. O Parlamento é o lugar onde botei máis tempo nos últimos quince anos, despois do meu propio domicilio. Con esta levo cinco lexislaturas como deputado autonómico electo, na que solo renunciei ao posto na última lexislatura para ser delegado territorial. A Cámara ten un papel relevante no control e impulso á acción da Xunta, na tarefa lexislativa. Hai profesionais destacados no Hórreo, tanto funcionarios como deputados.


 

"Algúns meses traballei 30 ou 31 días seguidos, pero voume cunha...
Comentarios