Lara Méndez suxire que establecerá reforzos da Policía Local por decreto en San Froilán

Os axentes acordaron o venres nunha asemblea que non farán máis horas extras voluntarias a partir deste luns

Policías locales en el recinto ferial de San Froilán. AEP
photo_camera Policías locales en el recinto ferial de San Froilán. AEP

A alcaldesa de Lugo e responsable da Policía Local, Lara Méndez, indicou onte a través do seu departamento de comunicación que, se os axentes se negan a facer horas extraordinarias de xeito voluntario, establecerá reforzos por decreto. Recalcou que a seguridade da cidade estará garantida tanto durante as festas do San Froilán como en calquera outro evento que acolla a cidade, así como no día a día. Para as festas, o Concello adoita ter a colaboración da Policía Nacional, que este ano podería incrementarse se os medios locais son menos, como xa sucedeu nalgunha outra ocasión.

Os policías acordaron o venres nunha asemblea que non farán máis horas extras voluntarias a partir deste luns debido a que teñen pendente de cobro todos eses reforzos dende o San Froilán pasado e outros conceptos, como a nocturnidade. O compromiso era que as percibiran este mes, pero probablemente non sexa así porque boa parte deses pagos teñen que ser aprobados polo pleno e o trámite, ademais de ser moi criticado pola oposición, pode que non chegue a tempo.

O goberno prevé someter ao pleno desta semana a aprobación dunha modificación do regulamento das horas extras, para aumentar a cuantía e suprimir a limitación. Méndez deu 24 horas á oposición para que fixeran alegacións, se o consideraban oportuno, pero os cinco grupos políticos -que en xeral están en desacodo con eses cambios- negáronse pola pouca marxe de tempo que se lles deu e acordaron que, se o goberno persistía, votarían en contra.

Por outra banda, o goberno ten que levar ao pleno o pago de varios lotes de horas extras, por pertenceren a 2017, exercicio vencido. Tamén ten que facer unha modificación do orzamento porque este ano xa excedeu o presuposto que tiña para este concepto.

Ante a incerteza de cando se superarán estes trámites, a Policía Local decidiu prantarse.

Comentarios