"Aínda botamos moito tempo pensando en quen somos e menos en como mellorar"

O catedrático de Historia Ramón Villares traballou en tres campos relacionados entre si e transcendentais para Galicia: o agrarismo, a emigración e a cultura. A súa tendencia como investigador foi tratar de comprender a evolución dos dous primeiros e, como participante en entidades como a RAG ou o Consello da Cultura, mellorar a xestión cultural
Ramón Villares recibe o XXIV Premio Puro Cora
photo_camera Ramón Villares recibe o XXIV Premio Puro Cora

Ramón Villares (Cazás, Xermade; 1951) considera importante o lugar no que naceu, pero asegura que tratou de "entender" o seu lugar de orixe, "non de redimilo".

Ata que punto se sente marcado por nacer no rural e formarse no seminario de Mondoñedo?

Adquirín unha cultura de observación, de prudencia e de coherencia ao estar en contacto coa natureza e nunha sociedade tradicional. Nese tipo de sociedades todo é coherente nas relacións entre as persoas, as familias e as propiedades, todo ten unha lóxica dada polos centos de anos, non é algo improvisado. A sociedade actual vai moi acelerada. Conducimos pola dereita e pagamos impostos, respectamos as normas, pero as cousas cambian máis rápido de que nós as pensemos. A vida nunha sociedade tradicional ten as súas vantaxes e inconvenientes.

Cales son os inconvenientes?

A vida nas cidades é máis dinámica, está aberta a outros horizontes.Eu accedín máis tarde a eles.

Cando accedeu? Ao chegar a esa fonte de cultura que era o seminario de Mondoñedo?

Foi máis ben ao empezar o ensino superior en Santiago, cando empezo a viaxar. A primeira cidade grande que coñecín foi París; antes que Madrid e Barcelona. As persoas somos como xacementos arqueolóxicos, estamos formados por unha serie de capas.

A súa primeira liña de investigación como historiador foi o agrarismo e a segunda, a emigración. Naceu nun ámbito rural do que marcharon moitos para traballar. En que medida lle influíu Cazás?

Cando eu empecei a investigar unha tendencia en España e, sobre todo, en Francia, que era onde mirabamos, era a Historia Agraria. A Segunda Guerra Mundial cambiou o mundo rural de modo radical e estudabamos eses cambios. En certo modo estabamos inspirados por un sentido político, de preguntarnos por que España e Galicia son como son, por que nese momento había unha ditadura. Houbo unha falta de reforma agraria, falta dunha burguesía industrial e unha aristocracia con peso. Estudar as estruturas agrarias serviume para coñecer a xenealoxía da miña sociedade. Non me dediquei a facer Historia romántica, senón a desmontar perxuicios románticos.

E a emigración?

A miña primeira conferencia, en 1973, foi sobre emigración.

O seu pai estivo traballando en Francia durante cinco anos.

A emigración do meu pai e dos meus tíos foi lateral.

Adrián Solovio, o personaxe de Arredor de si de Otero Pedrayo, marcha de Galicia para coñecela. Foi moi citado por vostede.

O que me interesa desa novela é como transmite unha xeración, é un modelo tardío e contraposto co modelo de Umbría, tamén de Otero, que é un rapaz que ten unha vida normal e que viaxa por Europa, pero non buscando saber quen é, como Solovio, senón como pode ser útil a Galicia. Aínda botamos moito tempo pensando quen somos e menos como podemos traballar para mellorar Galicia. Eu estudiei os pazos,a fidalguía, as rendas,... na ignorancia do que xa fixera Otero Pedrayo porque, na miña etapa de formación, el estaba marxinado. Dicíase que era pouco científico e moi literario.

Pero acabou por descubrilo.

Si, tiven un empate con el que me levou a outros autores. Otero Pedrayo enfrontou a decadencia das sociedades tradicionais nas súas novelas. El trata de explicar Galicia co modelo literario francés de Balzac ou Chateaubriand; de contar pola narración o que non se pode contar pola Historia. Solovio permitiu enlazar coa tradición do xudeo oriental que vai polo mundo para conquistalo.

Vostede tratou de explicar o país nun libro de grande éxito, Historia de Galicia.

Ese libro naceu en 1980 como libro de texto para Santillana. Serviume para poñer en claro o que ía lendo sobre Galicia e contándoo sempre dentro do contexto europeo e mundial. No 2004 dupliquei o libro e no 2015 fixen unha ampliación cara á Galicia de Bos Aires e de Brasil, fáltame Cuba. A miña visión é que Galicia non é unha illa no medio do océano, senón que está conectada co resto do mundo.

Tras as etapas de Historia Agraria e migrante, abriu unha terceira na Historia da Cultura.

Si, na primeira década deste sé- culo empecei a investigar sobre os estereotipos e as invencións sobre como se constrúe unha identidade, sobre o celtismo ou o medievalismo. Valentín Paz Andrade escribiu que «Galiza labra a súa imaxe». Temos que labrar unha imaxe dos afectos patrios, do que nos chama, do que nos une e non sabemos por que.

Unha institución importante nese proceso de construción da identidade é o Consello da Cultura Galega, que vostede preside dende 2006 e seica non por moito tempo.

Dentro dun ano acaba o meu mandato. Doce anos son suficientes. Foi un traballo agradable, pero eu introducín a limitación de mandatos e vou respectala.

Aínda hai moitas persoas cultas que se preguntan para que serve o Consello da Cultura. Non será porque vostede non o explicase reiteradamente.

Escribín un pequeno ensaio sobre a xenealoxía da institución. Cando se creou era algo tan orixinal que non tiña parangón no mapa autonómico español. Non se entendeu daquela e aínda non fomos quen de entendela. Chegaron moitas críticas políticas dende o nacionalismo de esquerdas, pero non o vou explicar máis. Hai que convivir con elo. Naceu cunha polémica máis inchada que real. A polémica sigue montándose polas persoas que están, non pola súa utilidade. As críticas veñen de persoas que queren estar no Consello. En Galicia hai dificultade para dar un marco institucional porque a cultura galega non é tan complexa como para ter institucións por riba das persoas. Hai asociacionismo para defender cousas concretas, pero fai falta institucionalizar a cultura galega e o Consello está conseguíndoo.

Acusan ao Consello da Cultura de inmobilidade, de que a relación de nomes é sempre a mesma.

Nos últimos dez anos cambiaron os 3/5 dos membros, o 70 por cento. Eu son partidario de evitar as ocorrencias personalistas, de que a alguén se lle ocorra algo e todos vaian detrás. Iso é mesianismo, algo propio de culturas pobres. As sociedades evolucionan con pacto e consenso, e ás veces con falta deles, pero as aspiracións teñen que ser colectivas e ten que haber institucións fortes.

Hai membros da Real Academia Galega que están preocupados coa posibilidade de que a entidade sexa absorbida polo Consello da Cultura.

A Real Academia Galega é máis antiga que o Consello da Cultura Galega. Non hai aspecto en que Academia e Consello teñan que rozarse porque son absolutamente distintos. A Academia ocúpase de asuntos lingüísticos e literarios, e, dende que estou eu, o Consello non se ocupa de asuntos lingüísticos e pouco dos literarios, cada vez menos. Están sin demostrar eses temores, esa idea de meter todo no mesmo saco. Cada institución ten o seu campo para traballar pola súa conta ou para colaborar co outro. Galicia debería tender á especialización e a tendencia é a contraria, a que cada un queira facer todo. Non debería ser así.

Comentarios