Agustín Gallego: "En setembro saberase se Lugo Existe vai ás eleccións"

Estreouse na política apoiando a Orozco pero rematou en UPyD. Tras ser o segundo de Manuel Martínez, agora preside Lugo Sempre e Lugo Existe.

Agustín Gallego. XESÚS PONTE
photo_camera Agustín Gallego. XESÚS PONTE

As súas inquedanzas políticas quedaron hai un ano resoltas coa fundación da asociación cultural e observatorio político Lugo Sempre. Hai uns días, este colectivo rexistrouse como marca política baixo o nome de Lugo Existe. Quizais de aí saia unha nova candidatura para as eleccións municipais do ano que vén. 

Pódese dicir que o observatorio político de Lugo Sempre vai ser o xerme dun partido baixo o nome de Lugo Existe? 
Non, para nada. Lugo Sempre non vai ir ás eleccións. Outra cousa é que haxa vimbios de onde saíu a plataforma que se rexistrou baixo o nome de Lugo Existe. 

Pero Lugo Existe nace con intención política, non? 
En principio, faremos unha valoración das ideas que xurdan e darémonos de prazo ata setembro para escoitar as opinións dos afiliados, entre eles un grupo de médicos e avogados que se move bastante. Vemos moitas cousas que están mal en Lugo como, por exemplo, o peche dos comercios do centro, o novo auditorio que non se dá aberto, o cuartel de San Fernando que se está deteriorando e onde nós propoñemos que se traslade a facultade de Humanidades (que estaría acompañada da Escola de Enfermería, na Praza do Ferrol). Deste xeito, levaríamos a poboación nova ao centro. E tamén queremos que se axilice o proxecto da estación intermodal. 

Isto é parte dun programa político que están a preparar? 
Haberá un programa reivindicativo que si imos facer. Desde a web, xa estamos reivindicando cousas urxentes para a cidade. Pensamos que as grandes obras para transformar Lugo están pendentes como a Ronda Leste. Tamén cremos que se deberían dar axudas para que non pechen os negocios do centro e que o barrio multiecolóxico debera ir en Montirón ou no Carme e non entre dous polígonos industriais como vai. 

Ten algo que ver Lugo Existe coa filosofía de Soria Existe? 
Non, nin con Soria Existe, nin coa España Vaciada, nin tampouco con ningunha asociación subvencionada polas administracións. Nós temos fondos propios. 

Pero para poder ter un concelleiro, non chegan os fondos propios... 
Si. De chegada esa decisión, sería o momento de analizar isto para que todo conflúa. En setembro, darase a noticia se imos ás eleccións ou non. Se imos presentariámonos tamén por Meira, Sarria, Becerreá e Burela. Unha boa solución para Lugo podería ser unificarse con outros concellos como Outeiro de Rei, por exemplo. Así superariamos os 100.000 habitantes e teriamos máis orzamento.

Comentarios