martes. 15.10.2019 |
El tiempo
martes. 15.10.2019
El tiempo

Agre cruzamento de reproches entre os candidatos a liderar o PSOE lucense

José María Arias y Patricia Otero. EP
José María Arias y Patricia Otero. EP

Este mércores Otero e Arias presentaron os avais ►A pouco máis dunha semana da votación, os adversarios elevan o ton e repróchanse xogo sucio

Xosé María Arias, alcalde de Castroverde: "Estiven antes con Gonzalo ca Patricia, creo que milita hai catro anos"

Segundo os datos aportados pola súa rival, reuniu o dobre de avais ca vostede. Sinte máis ou menos apoio da militancia ca en 2017?
Quizais máis. Penso que os militantes entenden ben a mensaxe, o que pasa é que ás veces están condicionados polos líderes. Hai que ver como responden na votación. A miña mensaxe é distinta, pero é verdade que loito contra o aparato, pero non me avergonzo e síntome orgulloso. Ás veces, máis que gañar ou perder o que importa é defender o que un cre.

Non se sinte parte do aparato, pero vostede tamén apoiou no seu día a Gonzalo Caballero.
Non, non, eu síntome dentro do PSdeG totalmente, pero eu o que vexo na outra candidata é que imos estar en interinidade outra vez, e os lucenses non podemos ser conexiños de indias.

A que interinidade se refire?
Estamos en posición de que igual podemos gobernar na Xunta, e se Patricia é tan válida, e eu penso que o é, ao mellor está noutras funcións, e se non no Parlamento, porque eu non lle escoitei que o fora deixar.

Ve incompatible o Parlamento e a secretaría provincial?
Non sei se é incompatible, pero non é lóxico. Hai que ter autonomía para dirixir o partido dende aquí, non dende os sillóns. Eu teño o sillón que me deu o meu pobo como alcalde, pero xa dixen que se gaño deixaría o meu posto na Deputación. No Parlamento hai moito traballo que facer, incluso na oposición.

A súa rival cre que algunhas expresións que utiliza son despectivas, tamén para a militancia.
Pois é o que lle escoito aos militantes, que están cansados xa de tanto proceso, de que cada pouco esteamos nesta vaina. Isto non é un experimento. Esta é unha provincia seria que leva aportado moito ao PSOE. Non se pode olvidar os militantes ata que chegan unhas municipais. Eu non o farei se son secretario. E se non o son estarei con Patricia.

Integrarase na súa executiva? Ofrécelle a área de medio rural.
Non, porque non vou estar nun proxecto no que non creo, pero como militante estarei á súa disposición para o que queira.

Otero di que o seu proxecto é o do PSdeG. O seu non o é?
Eu estiven sempre con Gonzalo, antes incluso ca Patricia, que creo que leva catro anos de militancia, pero creo que temos que loitar para que os militantes de Lugo teñamos a nosa propia voz e autonomía. Non digo que sexa unha candidata teledirixida por Gonzalo, senón por outros.

Por quen?
Polo secretario de Organización [José Antonio Quiroga]. Hai que ser imparcial e deixar que os procesos sexan limpos.

Suxire que traballa para Otero?
Si. E todos estamos dentro do mesmo partido, todos somos necesarios.

 

Patricia Otero, deputada autonómica: "Xosé María é machista e fáltame ao respecto a min e aos militantes"

Que sensacións ten respecto ao proceso de 2017?
Son moi distintas, percibo moito máis apoio. Teño firmas do 87% das agrupacións, pero o que valen son os votos. O voto é libre e segredo, aí os militantes manifestarán a súa preferencia, e pido o máximo respecto para eles. Iso de que son unha candidata teledirixida e de que os socialistas de Lugo non poden ser conexiños de indias son faltas de respecto a min e aos militantes. Se en vez de min se presentara un compañeiro, non diría que é teledirixido.

Cre que é machista?
Si, e creo que é o momento de que os compañeiros se dean conta de que as mulleres tomamos as decisións libremente, que non nos teledirixe ninguén. Eses tempos acabáronse. Os únicos que me van teledirixir son os militantes cos seus votos, e se gaño, despois tamén, porque promoverei un espazo de suxerencias e de crítica construtiva. Di Xosé María que todos estamos no mesmo barco, pero el igual non sabe, porque non é de costa, que se subimos e non remamos, o barco dá voltas e non avanza. Non entendo que pretenda que a provincia vaia por derroteiros distintos ao proxecto do PSdeG e do PSOE federal.

Por que cre iso?
Esas afirmacións que fai amósano. O PSdeG somos todos, non só a provincia de Lugo. Se asimilamos tutelaxe con sintonía, pois claro que sintonía é o que pretendo ter coas direccións nacional e federal. Eu apoiei a Caballero, e penso que el tamén, non sei por que eu son teledirixida e el non; a mesma afinidade terá que ter el ca min.

Arias di que coñece mellor a provincia e o partido.
Loxicamente ten máis anos e leva máis tempo, pero eu pasei por todo. Peguei carteis, e pégoos, son interventora e apoderada cando mo piden, pido o voto, fun concelleira e agora deputada. Síntome unha militante máis e ao Parlamento levo as inquedanzas e as necesidades de toda a provincia.

Di que o seu obxectivo é cohesionar o partido e apoiar os cargos nas institucións. Faltou iso
Non vou entrar no que se fixo antes. Eu ofrézolles un pacto aos militantes para que deixemos as diferenzas, traballemos todos por Lugo e olvidemos os erros. O meu obxectivo é o benestar dos lucenses, e creo que esto non é compatible con Feijóo na Xunta.

Como vai cohesionar o partido?
Falando e escoitando. Pode que houbera xente que botara de menos que se lle escoitara.

Na militancia hai malestar polos procesos de elaboración das listas electorais, que corrixiron os órganos do partido. Que opina?
Creo que houbo desinformación, ou interese en que a houbera. Confundiuse un proceso de primarias como o que vai haber agora con consultas para un proceso de listas que está regulado nos estatutos. Pero dende a chegada de Pedro Sánchez a importancia que se lle dá á militancia é considerable.

Otero duplicou os avais de Arias
As normas para as primarias da secretaría provincial do PSOE din que os candidatos deben achegar avais dun mínimo do 3% dos militantes da provincia e un máximo do 6%, que son 114 firmas. Este foi o número que entregou Patricia Otero, fronte aos 101 de Arias. Tralas comprobacións pertinentes por parte do comité de ética —cada militante só podía avalar a un candidato— as firmas válidas da deputada autonómica foron 113 e as do alcalde de Castroverde, 97, segundo indicou o PSdeG.

Porén, segundo datos achegados polos propios candidatos, Otero reuniu un total de 400 firmas e Arias, sobre 200.
Campaña
Os candidatos poden iniciar agora a campaña electoral, para que os avais se traduzan en votos o sábado da próxima semana, o día 20, no que se celebrarán as primarias.
Máis de 1.800 militantes son os que ten o PSOE na provincia neste momento e os que poderán elixir o novo secretario provincial.
Congreso provincial
O proceso rematará o día 27, cando se celebrará o congreso no que se elixirán o resto dos membros da executiva. Estes serán votados polos delegados que os militantes elixirán tamén o sábado da vindeira semana. O número vai en relación á cifra de militantes que ten cada agrupación local.
Segundo asalto
Arias e Otero xa se enfrontaron en 2017, cando gañou o terceiro en liza, Álvaro Santos. Este dimitiu o mes pasado tras perder apoios. Daquela Santos obtivera 747 votos; Arias, 373, e Otero, 295.

Agre cruzamento de reproches entre os candidatos a liderar o PSOE...
Comentarios