martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

ROSA ARZA, SENADORA DO PP POR LUGO

"A administración local é coma unha escola pola que deberían pasar todos os políticos"

Rosa Arza, senadora do Partido Popular. EP
Rosa Arza, senadora do Partido Popular. EP
Malia ter só 32 anos, a traxectoria política de Rosa Arza é xa moi ampla. É presidenta provincial de Novas Xeracións desde hai tres e chegou a ser vicepresidenta da canteira do PP en Galicia. Agora salta ao Senado

NACEU EN Folgoso do Courel, na aldea de Vidallón, pero medrou e criouse en Quiroga, onde se trasladou coa súa familia sendo moi nena despois de que o seu pai atopase traballo. Neste concello comezou a súa traxectoria política con só 23 anos, o que, segundo di, fai que todo o mundo lle bote máis idade da que realmente ten. Considera a política local un paso imprescindible para aprender a ter contacto directo coa xente.

Hai quen di, despectivamente, que o Senado é un cemiterio de elefante. Con vostede ese tópico parece derrubarse.

Si, porque non teño o perfil que habitualmente se lles concede aos senadores. É certo que hai quen considera que é un lugar para ter un retiro dourado, pero non é o meu caso. Desde o PP imos traballar para darlle sentido ao Senado coma unha cámara territorial onde convivimos políticos mozos con outros máis veteráns, cunha traxectoria moi ampla.

Quero poñer no mapa o xeoparque do Courel e vixiarei que o aceite quirogués consiga a denominación de orixe

Con que mentalidade chega vostede ao Senado?

Sempre digo que son lucense, habitante da zona sur e veciña do xeoparque Montañas do Courel, concesión que nos deu a Unesco hai pouco. Intento ser embaixadora da miña terra. Faremos unha oposición firme e construtiva para velar polos intereses da nosa comarca e da provincia, loitando polos cidadáns que nos votaron e polos que non. Controlaremos o Goberno para que teña Lugo na súa axenda por medio de mocións, preguntas e interpelacións.

Cales serán os temas que aborden no Senado?

O rural e a xuventude son fundamentais. Necesitamos que se desenvolvan as infraestruturas que quedaron colgadas con este Goberno. Tamén vemos imprescindibles unhas boas telecomunicacións para asentar poboación no rural e que a xente moza quede na terra. Por suposto, esforzarémonos para que a Ribeira Sacra acade a desexada declaración de Patrimonio da Humanidade da Unesco. No que á miña persoa respecta, traballarei con todas as miñas forzas e darei o mellor de min desde o Senado.

Pode falarnos dalgún obxectivo concreto?

Gustariame poñer o xeoparque mundial no mapa. Esta é unha zona moi descoñecida e compre abrila a todo tipo de turismo, non só ao xeolóxico, senón tamén ao que practica calquera de nós. A xente debe vir aquí e gozar da nosa gastronomía e dos paisaxes que temos. Ademais, vexo fundamental poñer en valor o aceite de Quiroga. A Xunta de Galicia xa deu o visto bo e o expediente está en Madrid. O seguinte paso será que chegue a Europa. Estarei moi vixiante para que a denominación de orixe do noso aceite sexa unha realidade o antes posible.

Leva pouco tempo, pero como viu por dentro o Senado?

Eu son novata e a lexislatura foi curta. Agora que parece que vai haber Goberno poderei facer unha valoración máis fonda. Somos unha cámara de control do Congreso. Sempre que saia adiante unha lei debe pasar polo Senado e despois voltar ao Congreso. Penso que cobramos importancia cando se aplicou o artigo 155. Aí viuse a relevancia do Senado, fundamental para controlar o Goberno central e que cumpra tanto coa súa axenda como coas partidas asignadas.

Considera que ten máis posibilidades de acadar melloras desde a política estatal que cando estaba na administración local?

No Senado tense máis forza, é certo, pero eu sempre digo que todos os políticos deberían pasar algunha vez pola administración local. É unha escola. Nos municipios é onde está a política de verdade, no contacto directo cos veciños, que os tes diante e agradécenche o que fas ou critícante. Eu tiven a sorte de empaparme da política local en Quiroga, da man dun gran alcalde coma Julio Álvarez. Todo o que aprendín con el, que foi moito, quero levalo ao Senado.

Non penso a longo prazo, pero estou convencida de que Quiroga ten en Julio Álvarez un alcalde para moitos anos

Vostede foi concelleira en Quiroga oito anos. Como definiría esa etapa?

Por un lado é moi gratificante, porque traballas polos veciños e ves en primeira persoa o que fas por eles. Por outra banda ten unha parte dura. A xente non desconecta. Cando te ven pola rúa segues sendo Rosa Arza, a concelleira. Agora xa non saio tanto, pero cando comecei, coma calquera rapaza de 23 anos, ía de copas coas miñas amigas e dicíanme que era moi pesado saír comigo porque sempre había quen viña falarme de temas do Concello (ri).

Aspira a suceder a Julio Álvarez na alcaldía de Quiroga?

Non fago plans a longo prazo, porque nunca se sabe onde te vai poñer a vida. Agora estou centrada no Senado. A Julio pásalle o mesmo que a min. Comezou moi novo e todo o mundo pensa que é máis vello do que é, cando ten só 62 anos. É un animal político ao que lle queda moito que dar. Quiroga ten alcalde para tempo.

"A administración local é coma unha escola pola que deberían pasar...
Comentarios