NECROLÓXICA

Adeus a Bienvenido López, o home que animaba as casetas do San Froilán

O pastoricense faleceu este luns tras gañarse o cariño da xente co seu inseparable acordeón
Bienvenido López
photo_camera Bienvenido López

Era un home a un acordeón pegado. Disque de pequeno quería ser mecánico, máis foi seu pai quen encamiñou os seus pasos cara a un mundo, o da música, que o pastoricense Bienvenido López Corbelle fixo seu. Para sempre.

Aos nove anos, na súa Rigueira natal, á que volvía con regularidade e onde este mércores 15 era despedido por familiares e amigos, Bienvenido comezaba a tocar un instrumento que se convertería case nunha prolongación de si mesmo e que o acompañaría alá onde el foi. Tocou en varias formacións e orquestras, coma Los Flamas de León, localidade onde traballou nas minas, mais se hai unha imaxe que vai perdurar na memoria dos lugueses é a de Bienvenido de mesa en mesa, de merenda en merenda, co seu inseparable acordeón e o seu igualmente inseparable sombreiro, en feiras e festas de aquí e de acolá, coma o mellor dos músicos ambulantes, tocando pola voluntá. As casetas do San Froilán de Lugo, cidade na que vivía dende hai anos, xa non serán o mesmo sen o seu clásico repertorio, á Xira de Meira halle de faltar algo, porque Bienvenido e o seu acordeón xa non estarán. Cantas máis citas do calendario se poderían mentar?

O luns 14 de decembro a enfermidade silenciou o seu recoñecible son. Será que a Bienvenido, un home de espírito bohemio que fixo soar as súas melodías por boa parte de España... e do mundo, lle faltaba o ceo por conquistar. E quizais alí onde estea poida facer posible ese gran soño seu de crear unha grande orquestra. A mellor de España, diría el. E aí estarán Bienvenido, o seu acordeón e o seu pucho.