Adega pide unha maior implicación social na educación medioambiental

Foi unha conversa encadrada no foro A educación, a análise, organizado polo xornal El Progreso e a concellería de educación e difusión do coñecemento de Lugo
photo_camera A segunda charla do foro 'A Educación, a análise', organizado por El Progreso coa colaboración da concellería de educación de Lugo, ten como protagonista este venres ao coordinador desde hai 20 anos dos proxectos e programas de educación medioambiental de Adega, Ramsés Pérez. A cita condúcea a xornalista Sabela Corbelle.

A educación ambiental non queda só na escola. Tamén afecta á sociedade. Polo tanto, esténdese ao mundo adulto. Ramsés Pérez, licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e educador ambiental de Adega, leva anos coordinando distintos programas de educación ambiental dirixidos tanto aos rapaces como aos maiores.

Nesta conversa, encadrada no foro A educación, a análise, organizado polo xornal El Progreso e a concellería de educación -dirixida polo nacionalista Felipe Rivas-, falouse da importancia de aprender a interactuar e a respectar o medio ambiente. Algo que se pode ensinar desde a escola ou desde calquera colectivo social comprometido coa natureza e, en suma, co planeta. A charla estase a difundir, desde este venres, na nosa web.

Educar para a sociedade
Ramsés Pérez non sabería desligar a educación ambiental da sociedade. Afirma que este tipo de ensinanza debe impartirse xa na escola, nas distintas etapas educativas, pero a aprender a interactuar co medio e coa natureza de forma correcta é algo que tamén se pode aprender de adulto.

"Asociamos a actividade ambiental aos centros escolares, pero non é menos importante levala ás administracións, aos sindicatos, aos medios porque os adultos son os que toman as decisións. Adega naceu no ano 1974 e legalizouse en 1976. Desde entón, o noso colectivo traballou sempre na denuncia de feitos que agredían o medio ambiente pero tamén na posta en marcha de iniciativas para chegar á sociedade, algo de gran interese para nós", afirma Ramsés Pérez.

Froito dese traballo, apoiado á vez na denuncia e no ensino, foron catro iniciativas lexislativas populares, que presentou Adega no Parlamento galego, sobre os residuos, os ríos e os bosques autóctonos. "Ao tempo que se recollían sinaturas na rúa, facíanse actividades de educación ambiental coa xente como charlas ou obradoiros ", indica Ramsés Pérez.

Unha materia transversal
A educación medioambiental está presente na escola, pero non de forma suficiente. Ramsés Pérez reclama que a educación ambiental se desenvolva dun xeito transversal, integrándose noutras materias obrigatorias.

"Se un mestre sae a un río co alumnado, non ten por que traballar só cuestións medioambientais senón que tamén pode aproveitar esa saída para estudar parámetros fisicoquímicos ou facer medidas matemáticas... Sería interesante que se cumprisen as leis educativas e que o medio ambiente estivese entre as materias transversais ", comenta.

Máis compromiso social
A Estratexia Galega de Educación Ambiental é un documento que se aprobou no ano 2000 e que implicaba a distintos sectores sociais para unha maior concienciación medioambiental. Ramsés Pérez denuncia que este documento convertiuse, co paso do tempo, en papel mollado.

"Nesa estratexia, demandábase que se levase a educación ambiental a outros ámbitos da sociedade. Había retos para a administración autonómica, local, ONG, sindicatos, medios... pero todo quedou esquecido. Desde aquela, non se traballou nel. Sería convinte que a Administración leve adiante iniciativas máis continuadas e consensuadas", opina.

Educar desde calquera etapa
A educación ambiental faise desde a etapa de Infantil ata a universidade. De feito, Adega está a desenvolver programas na Universidade da Coruña e no campus de Lugo. "Na Coruña, levamos dez anos facendo un programa de mentalización no campus, para que sexa máis sustentable, e en Lugo desenvolvimos unha actividade do Proxecto Ríos. Pero tamén Adega leva iniciativas aos centros de ensino para aforrar auga ou dar espazo a deportes tradicionais ou á biodiversidade nos patios", conta Ramsés Pérez.

A necesidade de combatir os hábitos urbanos entre a poboación rural

Un dos programas educativos que desenvolve Adega a través dos seus obradoiros é a reutilización de residuos para facer compostaxe e abonar hortas e xardíns. Nada novo no rural galego, onde hai anos que se fai isto. Non obstante, non todos os habitantes de rural están a facer compost. Os hábitos urbanos estanse a implantar e pérdense os bos costumes. Aí tamén é necesaria unha educación ambiental.

"A sociedade rural cada vez está máis urbanizada. Os programas de compostaxe no rural pretenden que a xente siga facendo o que fixo sempre, pero agora colléronse hábitos urbanos e vanse perdendo costumes como o de deixar a herba cortada a un lado para que faga compost. Agora, tírase no contenedor. Non todo o que ven de usar e tirar, como na cidade, está ben. Quizais, a educación ambiental estea demasiado centrada nos centros de ensino e non se dirixe cara a poboación rural", opina. Comunicación

Máis presenza dos grupos ecoloxistas no enfoque das noticias

A educación ambiental non está só nas escolas, nos obradoiros ou nas administracións. Tamén debería estar presente nos medios de comunicación e no xeito de vehiculizar as noticias. Ramsés Pérez pide que se teña máis en conta aos grupos ecoloxistas.

"Sería interesante que houbese máis colaboración cos medios igual que pedimos para as ONG, as escolas ou as administracións... Os medios non axudan en problemas como o do lobo. Moitas veces, en lugar de falar do que fai un animal que trata de sobrevivir, parece que falan dun asasino en serie. Sería interesante que se escoitase máis os grupos ecoloxistas. Tamén está a haber ducias de titulares, na zona de Compostela, sobre os perigos das culebras, as que se presentan como se fosen uns animais que fosen acabar connosco e practicamente todas son inofensivas. Sería interesante que se defendese máis a biodiversidade", propón Ramsés Pérez.
 

Programas
O voluntariado, a outra escola Ramsés Pérez é o artífice de moitos dos programas educativos de Adega, centrados nos roteiros, na limpeza de ríos ou nos obradoiros.

Voluntarios
Pero, entre todos eles, este educador ambiental destacaría especialmente os destinados ao voluntariado, que supoñen outra forma de implicarse coa natureza e tamén de aprender. "O voluntariado é unha escola de servizos onde a xente pon o seu grao de area e tamén aprende. Isto ocorre, por exemplo, cando se fai unha plantación, se retira o lixo dun río nunha praia ou se eliminan plantas invasoras", conclúe Ramsés Pérez, que aposta tamén por esta outra maneira de facer educación ambiental axudando.