"Abrimos unha investigación a raíz dunha noticia do Progreso"

A maxistrada ourensá María Dolores Fernández Galiño (O Carballiño, 1963 ) é o pano de bágoas dos cidadáns que ven como as administracións públicas non atenden as súas demandas. O ano pasado a institución que representa recibiu 726 reclamacións de lucenses, case o dobre que en 2020, que foran 382
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera María Dolores Fernández Galiño. VICTORIA RODRÍGUEZ

O informe presentado recentemente pola Valedora do Pobo no Parlamento de Galicia sobre a súa actividade durante o ano pasado revela que desas 726 reclamacións 112 foron contra 39 dos 67 concellos lucenses, 14 á Deputación Provincial e a maioría das 600 restantes á Xunta, sobre todo en materia de sanidade. Os lucenses queixáronse en 2021, por exemplo, desde as listas de contratación temporal dos celadores no Hula ata o incumprimento da normativa de benestar animal por parte do Concello de Chantada.

De que servizos se laian máis os lucenses?

O maior número de queixas procede da provincia de Pontevedra e o menor número da de Ourense. A Coruña e Lugo están entre eses dous extremos. En 2021, na provincia de Lugo presentáronse 726 reclamacións, o que supón unha media de 22 queixas por cada 10.000 habitantes, moi próximo á Coruña que ten 24,12 queixas por cada 10.000 habitantes. En canto ao deber legal de colaboración coa institución da Valedora do Pobo, sinalar que tres concellos da provincia de Lugo (Lugo, Mondoñedo, e Vilalba) foron advertidos nunha ocasión desa obriga.

Como influíu a pandemia no tipo de queixas que recibe, debido a que a crise socioeconómica que provocou a emerxencia sanitaria agravou a situación dos máis vulnerables?

A pandemia agravou a situación dos máis vulnerables. O 2021 volvemos constatar a fraxilidade do sistema en que vivimos en particular pola saturación do sistema sanitario, polas dificultades xurdidas no funcionamento do sistema educativo, pola presión sobre os servizos sociais e máis en xeral pola tensión sufrida por todos os servizos públicos. Nese contexto, os prexuízos, que están na base das violacións dos dereitos humanos, da desigualdade e da discriminación, afloran con maior potencial de sufrimento, nun escenario onde as administracións públicas están tensionadas e as persoas sometidas a circunstancias excepcionais e, en particular, as que xa son vulnerables sofren unha vulnerabilidade maior.

Como se traduciu en cifras?

Esta situación vese reflectida nas actuacións da Valedora do Pobo. As mesmas aumentaron de forma considerable. De 12.913 en 2020 pasamos a 19.544 en 2021. Un total de 6.631 actuacións máis, o que supón incrementar máis da metade. As áreas da institución con máis actividade foron sanidade, emprego público e traballo, corporacións locais e servizos municipais e inclusión social. A preocupación da cidadanía por cuestións relacionadas coa saúde quedou reflectida na actividade da institución, o que confirma que a pandemia provocou en primeiro lugar unha crise sanitaria que se mantivo no tempo e que despois trouxo consigo unha crise social e económica.

En que se centraron esas reclamacións en sanidade?

O aumento significativo na área da saúde débese entre outras causas ao proceso de vacinación fronte ao covid, ás medidas destinadas a previr a transmisión, e ás incidencias para a obtención do pasaporte covid. Tamén, na situación anterior á pandemia, incidiron as dificultades de acceso a prestacións sanitarias, as listas de espera ou o déficit de persoal sanitario.

Os cidadáns adoitan recorrer a esta institución ou aínda non é sobradamente coñecido o papel que desempeña?

 Cada vez máis persoas acuden á institución para pedir atención, asesoramento ou para presentar queixas. O número de persoas que pediron atención ou asesoramento, á marxe das queixas, aumentou pasando de 7.526 no ano 2020 a 8.807 no ano 2021. Tamén aumentaron o número de expedientes pasando de 5.387 en 2020 a 10.736 o ano pasado, isto é, duplicándose. A lectura destes datos amosa que cada vez máis persoas depositan a confianza na institución da Valedora do Pobo.

Quen son os máis remisos a atender aos requirimentos, os concellos, as deputacións ou a Xunta?

En xeral a colaboración das administracións é boa. De feito no ano 2021 ditáronse 318 resolucións, cun incremento do 98 por cento respecto ao ano 2020, e a porcentaxe das resolucións aceptadas respecto das rexeitadas foi do 90,58%. No informe anual ao Parlamento recóllese a obriga do deber de colaborar nas investigacións da institución e as advertencias e reiteracións de petición de informe que se levaron a cabo durante o pasado ano. Por exemplo, podemos destacar que sendo a Consellería de Sanidade a que tivo maior porcentaxe de actividade, só ten unha advertencia. Dos concellos, foi o de Vigo do que se recibiron máis queixas, e non ten ningunha advertencia.

Abriu o ano pasado algunha queixa de oficio na provincia de Lugo?

Si, e mesmo algunhas das investigacións de oficio que se abriron na provincia de Lugo foron por mor de noticias publicadas no diario El Progreso e noutros de Galicia. O 3 de novembro do 2021 este xornal recollía unha noticia dun veciño que esperou catro horas e media ata que o operaron no Hula tras sufrir un corte grave e ser trasladado nun primeiro momento ao hospital de Burela onde non hai servizo de cirurxía vascular. Abrimos unha investigación para recibir información sobre os feitos, a relevancia da coordinación dos servizos de atención e a derivación ao centro útil. Por mor dunha información xornalística iniciamos actuacións no suposto dun posible desafiuzamento dunha persoa maior, vulnerable, con dificultades de mobilidade, e cun delicado estado de saúde. Tamén iniciamos actuacións de oficio en relación coa síndrome de Diógenes e de Noé e sobre outras cuestións.

"Dóeme a desconsideración de persoas ao servizo público"

Ademais de particulares acoden á institución representantes públicos?

Si, en ocasións acoden á institución representantes públicos das deputacións ou dos concellos como é o caso de deputados da Deputación Provincial de Lugo que se queixaron da denegación de acceso a dependencias desta institución.

Nalgunha ocasión alterouna algunha administración galega pola súa falta de colaboración?

Como Valedora e como cidadá o que me doe é que en ocasións, certo que pouco frecuentes, o actuar de persoas concretas que están ao servizo do público pode parecer ou ser desconsiderado, pouco humano coa cidadanía...

Vai cumprir catro anos no cargo, polo que lle queda un para agotar o seu mandato, que balance fai?

Cando tomei posesión, me comprometín co Parlamento galego, e coa sociedade galega, a través dun decálogo de actuación baseado no feminismo como sinal de identidade da institución, na loita contra a violencia de xénero, contra a violencia e o acoso nas organizacións, e contra a explotación humana, na efectividade dos dereitos das persoas con discapacidade, na loita contra a discriminación das persoas maiores, do colectivo LGTBI e das persoas pobres, nos dereitos dixitais, no dereito a institucións sólidas e na defensa do medio ambiente. En suma, en introducir na actividade da institución un enfoque de dereitos humanos. Desde o primeiro momento ata a actualidade, procurei levar á práctica ese decálogo na actividade da institución. Foron tempos difíciles, cunha pandemia, o confinamento e as limitacións de mobilidade das persoas. Agora, a guerra en Ucraína. Situacións con risco de retroceso nos dereitos.

Non saímos dunha e nos metemos noutra, non é desmoralizante?

Estas dificultades non nos deben nunca levar ao desánimo, senón ao contrario, debemos perseverar no enfoque de dereitos humanos e en defensa dos dereitos da cidadanía galega. O balance, pois, destes anos, é moitos retos, moito traballo, mantendo ese compromiso de defensa dos dereitos humanos. Cando hai riscos de retroceso é cando nos debemos fortalecer nos nosos ideais democráticos.