O confinamento de...

Abraham Cupeiro: "Toda esta conxuntura fíxome valorar aínda máis o contacto coa natureza"

Abraham Cupeiro. VÍCTOR FORMOSELLE
photo_camera Abraham Cupeiro. VÍCTOR FORMOSELLE

Onde está a pasar o confinamento?
Estou no meu domicilio en Lugo xunto coa miña muller María e os meus cans, Melgo e Loira. A verdade é que en certa maneira agradézoo porque levaba moitos meses tocando por distintos puntos xeográficos e tiña ganas de estar na casa, aínda que sería mellor noutras circunstancias.

Como o soporta, que cousas fai no seu día a día?
Non paro! Pensei que ía descansar algo, pero todo o contrario. Sigo a dar as clases de trompeta no conservatorio da Coruña por videoconferencia, fago tamén vídeos tocando para animar a xente, estou perfilando o meu próximo disco coa discográfica e preparando o seguinte. Tamén estou facendo planos para novos instrumentos que, en canto poda, vou ir ó taller. En fin, voando, coa imaxinación para evadirme aínda que despois de botar oito anos nun internado xa teño algo de callo feito 

Que será o primeiro que faga cando remate esta situación?
Teño de ver a miña nai, o meu avó e os meus tíos. Supervisando as medidas de seguridade pois meu avó ten 97 anos. E aínda que está de 20 hai que ter coidado. Non sei... teño moitas ganas de ir por Sarria e tamén de ir ao mar.

Aproveitou estes primeiros días de paseo e deporte?
​Si, fun pasear. Era algo que botaba de menos pois mentres camiño ordeno moitas ideas. Creo que o volver ter contacto coa natureza é algo que con toda esta conxuntura fíxome valorar aínda máis.

Que lección saca de todo isto, positiva e negativa?
Negativa a crispación que hai na política, paréceme deleznable que se aproveite a mínima para sacar rédito político e ver como moita xente de a pé nas redes entraba nun estado de odio e mala educación. O positivo, como sempre, agradecido á xente que nos coida, eses sanitarios, xente dos supermercados... Toda ese xente que estivo ao pé do canón, creo que nos deron un exemplo que debemos coller. No ámbito persoal, valorar todo o que tiña, que coa velocidade coa que vivía non me daba tempo a saborear os concertos e bos momentos que me deu a música.

Comentarios