"Abortar na época franquista en Lugo custaba entre 150 e 1.000 pesetas"

Unha tese sobre a delincuencia común na época franquista levouna a revisar os distintos casos de aborto levados a xuízo en Lugo entre 1945 e 1966. Esas sentenzas permitíronlle saber en que condicións abortaban as lucenses nesa época, o seu perfil e situación económica, os lugares onde se facían os abortos e as penas
Tamara López Fernández. SEBAS SENANDE
photo_camera Tamara López Fernández. SEBAS SENANDE

PROFESORA DE Historia de España Contemporánea no IV Ciclo da USC, Tamara López Fernández chegou a facer un dos poucos estudos que hai en España sobre o aborto durante o franquismo, buceando nas sentenzas gardadas no Arquivo Histórico Provincial entre os anos 1945 e 1966. Graduada en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e cun máster en Servizos Culturais e un doutorado, Tamara López pertence tamén ao grupo de investigación Histagra, de Historia Agraria e Rural.

Como xurdiu este traballo de investigación sobre o aborto en Lugo entre os anos 1945 e 1966?
Xurdiu a partir da tese de doutoramento, sobre a delincuencia común en Lugo durante o franquismo neses anos, entre 1945 e 1966, da que vou sacar en breve un libro. Revisando as sentenzas ditadas en Lugo nesa época apareceu o delicto de aborto e empecei a facerlle un seguimento. Quizais sexa unha das poucas investigacións que hai sobre este tema en todo o país, que foi publicada na revista Arenal, sobre a historia das mulleres, editada pola universidade de Granada.

A que conclusións chegou tras facer este estudo das sentenzas por aborto neses anos?
A principal é que aínda que o aborto era algo ilegal nesa época, iso non impediu que se practicase por distintos motivos: para conservar a honra (no caso das mulleres solteiras, sobre todo), para garantir a saúde (xa que había moitos embarazos con partos complicados), embarazos froito de violacións e tamén como control da natalidade cando non había outros métodos anticonceptivos coñecidos.

De que maneira se fixo con toda esa información?
A través dos sumarios xudiciais. Para facer a tese sobre a delincuencia común neses anos, revisei 7.328 sumarios que deron lugar a só 1.800 sentenzas e dentro deses sumarios, atopei 68 causas no Xulgado de Primeira Instancia por aborto, nas que se incluía algunha por falecemento de mulleres que abortaban. Hai que decatarse de que o que chega aos xulgados son casos de aborto que saen mal e que acaban sendo descubertos por sangrados e infeccións que rematan no hospital. Outras veces tamén se descobren os abortos por rumores públicos que sinalan ás mulleres que puideron facelo.

Nos hospitais dábase parte ás autoridades dos casos de ingresos por abortos?
Si. Os sanitarios estaban obrigados daquela por lei a dar parte de que asistiran a unha muller por aborto. De non facelo, podían ser penados con prisión ou ben arriscarse a que lles quitasen a licenza médica para exercer.

Como se producían os abortos?
Moitos deles eran autoprovocados polas propias mulleres mediante manipulacións intrauterinas con instrumentos punzantes que rompían o saco amniótico e provocaban a expulsión do feto. Ás veces, non lograban expulsalo e iso daba lugar a unha infección, a unha septicemia ou hemorraxia interna que as levaba á morte. Ás veces, tamén eran axudadas polas súas parellas. E tamén se daba o caso de acudir a terceiros. Por exemplo, había casos de practicantes, un médico e un empregado dunha farmacia. Noutros, eran mulleres —ás veces, donas de bares— que utilizaban sondas fóra do contexto sanitario. No medio rural, as condicións eran peores e había mulleres que abortaron en alboios introducindo na vaxina pirixel ou caruncho, o fungo que había no centeo.

Cantos casos destes de abortos remataron con sentenzas?
Dos 68 sumarios que estudei por aborto, houbo só 28 condenas, 2 absolucións e 22 sobreseimentos. Quedan 4 casos, que entran no capítulo de outros. Pero, ademais, tamén vin 13 sumarios por achádego de fetos (con 12 sobreseimentos); 12, de mortes por abortos (10, sobreseídos); 5, por infanticidio con 4 condenas; 3, por inhumacións ilegais (2, sobreseídos), e 1 caso por tenencia de útiles para abortar, que tamén quedou sobreseído. Moitos dos sumarios por aborto que foron sobreseídos eran, simplemente, mulleres con sangrados menstruais abundantes ou con síntomas de abortos naturais que acodían ao médico e acababan sendo acusadas de provocar un aborto. Eran denunciadas, levadas a xuízo e, ante a falta de probas, finalmente eran sobreseídos os casos.

De canto eran as penas?
Se o aborto se producía contra a vontade da muller, a pena era de 6 a 12 anos. Se a interrupción do embarazo era consentida, a condena sería de 6 meses a 6 anos. Como atenuante. contemplábase unha única posibilidade, que a muller abortase para ocultar a súa deshonra, por ser estuprada, violada ou ser nai solteira. Para elas, a pena aplicada sería de 1 a 6 meses. A condena máis dura reservábase para aqueles casos nos que o aborto derivaba no falecemento da muller, o que se castigaba con penas de 12 a 20 anos.

Cal era o perfil das mulleres que abortaban en Lugo neses anos?
Había moitas que eran serventas e que eran abusadas polos patróns. Moitas declarábanse nos xuízos insolventes porque a súa profesión sempre era "sus labores". Daquela non se prevía aínda a independencia económica feminina e muller e pobreza iban sempre da man. Pódese dicir que o perfil medio da muller que abortaba era unha rapaza de 26 anos e solteira (na metade dos casos).

Había moitas prostitutas que abortaban nesa época?
Algunha había pero tamén había aborteiras que tiñan bares, probablemente prostíbulos clandestinos. Cobraban entre 150 e 1.000 pesetas por practicar un aborto

"Unha muller suicidouse por non abortar e ser repudada, por nai solteira, polos veciños"

Podería sinalar as circunstancias dalgún dos casos que revisou?
Hai varios. Por exemplo, o de Concepción, de 25 anos e casada, que en 1959 acudiu a unha aborteira para interrumpir o seu embarazo. Esta muller introduciulle unha sonda polo que lle cobrou 200 pesetas. Tamén abortou Carmen, de 19 anos, e serventa. Esta muller declarou que fora violada e cando lle dixo ao seu patrón que estaba embarazada levouna a abortar coa mediación dun sobriño. Ao final foi unha tentativa nada máis. Outra muller, Visitación suicidouse por negarse a abortar e ser repudada pola veciñanza. Tamén destacaría o caso de Aurora, de 23 anos, que xa solteira e cun fillo, empregou un arame con pirixel para abortar e tivo unha infección. Ou Fortunata, que morreu dunha peritonite despois de pagar 400 pesetas a un home que lle perforou a matriz.

Comentarios