Mabel González Rey: "A radiografía de hoxe é o resultado de moitos anos de traballo e constancia"

 Despois de "chegar tarde á docencia por diferentes situacións persoais", María Isabel González Rey asegura dende a súa propia experiencia que o cambio experimentado no papel da muller dentro da Universidade nos últimos anos é totalmente positivo e con tendencia a mellorar

María Isabel González Rey. PEPE ÁLVEZ
photo_camera María Isabel González Rey. PEPE ÁLVEZ

Longo e lento pero real. O paulatino proceso de inserción da muller na comunidade universitaria mostra a día de hoxe os mellores resultados que se lembran. Na USC, as matrículas tramitadas por universitarias son máis que as xestionadas por homes, o que a xuízo de Mabel González Rey "traerá consigo un maior número de cargos de importancia para mulleres". É o seu caso, xa que logo de ser elixida como decana de Humanidades do Campus Terra de Lugo, acadou o pasado ano o recoñecemento de catedrática, un exemplo a seguir para as novas xeracións.

Como ve a situación actual da muller no ámbito universitario?
Bastante ben. O momento que se está a experimentar ten que ver con todo o feito nestes anos, non falo dos últimos cinco nin dez, senón dunha traxectoria que vai máis alá. Antes non había tanta matriculada, polo que confío en que o cambio se estructure dende a base, cun comezo na matriculación que espero que se manteña nos postos de toma de decisións. Debemos esperar. A radiografía de hoxe é o resultado de moitos anos de traballo e constancia.

Cales son os principais cambios que identifica?
Penso que se avanzou en moitos aspectos, pero sobre todo nas normativas, as que nos están a axudar moito. Agora téñense que cumprir cunhas cuotas de presenza de mulleres nos tribunais, por exemplo. En Lugo temos tamén o caso de Montserrat Valcárcel, a que foi elixida en abril como vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo. a primeira vez que acontece iso. Ademais, no seu equipo de tres inclúe a outra muller, o que mostra que a configuración cambiou.

Cales pensa que son os factores que alonxaban á muller dos altos cargos universitarios?
Debemos partir de que a carreira profesional da universidade é unha carreira moi longa. Ten obstáculos constantes, e debes alternar docencia e investigación para chegar a ser catedrático. O camiño é o mesmo para homes e para mulleres, onde hai obstáculos e obxectivos comúns, pero non as mesmas oportunidades nin as mesmas condicións persoais, principalmente por cuestións biolóxicas. A maternidade corta, chegados a certo punto, a carreira de investigación dunha muller, pero non é a única causa. Tamén soe recaer sobre nós o coidado aos maiores, aínda que é certo que en moitos casos tamén se pode aplicar aos homes. En definitiva, a investigación é un campo que require de moita constancia, polo que calquera circunstancia que rompa con esa rutina afectará moito ao profesional, sexa home o muler.

No seu caso particular, foi moi complexo obter eses recoñecementos?
Sinceramente, eu cheguei tarde a todo isto, con 39 anos, por unha serie de circunstancias persoais. A partir de ahí adapteime ben, con sorte, e coincidín con moitos cambios positivos. Logo foi entrar e sempre fun moi activa, estiven constantemente publicando, gústame moito. Sempre buscaba un momento para investigar, aínda que fose media hora ó día, xa que é esa constancia a que me trouxo ata aquí. Se abandoas a disciplina da investigación é moi complexo retomala, polo que procurei manterme conectada de xeito constante a ela.

Que opina da investigación universitaria en Lugo?
A min Lugo, sinceramente, facilitoume moito a vida. Temos unha calidade de vida docente e investigadora moi boa. Somos unha facultade pequena, moi próxima ó alumno. Ofrecemos unha docencia que eu creo que é próxima e ben estructurada. Paso metida na facultade todo o día e non o acuso, sácolle moito partido. Temos traquilidade, é un espazo acolledor e moi ben equipado coa unidade Terra e os espazos de estudo. As aulas son amplas e non temos problemas co alumnado. Temos un ambiente propicio, tanto para investigar como para a docencia.

Comentarios