domingo. 26.09.2021 |
El tiempo
domingo. 26.09.2021
El tiempo

"Un 80% dos enfermos covid que son hospitalizados teñen déficit de vitaminas"

villapol
Sonia Villapol Salgado. VICTORIA RODRÍGUEZ
Sonia Villapol Salgado, neurocientífica e investigadora lucense en EE. UU, traballa arreo en busca dun tratamento que poda frenar o covid ► Parte dunha base: os seus estudios sobre a influencia da flora intestinal no cerebro e tamén na severidade da infección por coronavirus 

Como está a vincular as súas investigacións previas sobre a relación da flora intestinal co cerebro co covid-19?

O noso equipo de investigación estivo a traballar —en coordinación con outra xente do Reino Unido, Italia, Arxentina e tamén Sevilla— na secuenciación da flora bacteriana dos pacientes hospitalizados para ver como influía a flora na evolución do paciente. E a idea é, a partir de agora, facer unha interpretación de como a flora bacteriana afecta ó covid persistente. Hai unha asociación entre a severidade do covid cos cambios que poidan ter eses pacientes na súa flora intestinal. Isto podería dar unha idea de diagnóstico e tratamento, modulando o sistema inmunitario. A maior parte dos casos de covid persistente son problemas neurolóxicos. É interesante descubrir se estes cambios nestas bacterias inflúen niso e se a toma dos prebióticos, que son antiinflamatorios e antioxidantes, poden rebaixar estes síntomas. Estamos facendo un ensaio clínico sobre iso.

Podería ser, entón, a comida clave para frear a expansión do virus no corpo?

É moi importante a alimentación, mesmo para previr o covid. Os alimentos prebióticos son reguladores do funcionamento do cerebro e do intestino e a súa acción é antiinflamatoria. Pero, ademais, dos enfermos hospitalizados, concluiuse que un 80 por cento deles tiñan déficit de vitamina D, que é moi importante para o sistema inmune, igual que a vitamina C, o zinc, ou o Omega 3. As persoas ben alimentadas están máis protexidas contra o covid e se se contaxian, teñen un covid leve, non persistente.

Na súa anterior investigación, un dos tratamentos que propoñía era o trasplante fecal cunha flora bacteriana rica para tratar certos problemas de saúde como a enfermidade de Crohn. Valería isto para un enfermo de covid?

Os transplantes fecais funcionan ben pero, agora mesmo, co covid é un risco facelo porque as feces poden levar o virus. Agora optamos polo consumo de prebióticos, sen risco ningún. O covid está presente nas feces durante meses e, por iso, é tan interesante a secuenciación das augas fecais que se está a facer por un equipo de investigadores na Coruña. Mediante este sistema, pódese determinar a incidencia no virus entre a poboación, mesmo se pode prever dúas semanas antes de que aparezan os primeiros casos de contaxio. Desta maneira sábese, agora mesmo, que a variante Delta é a prevalente en Galicia.

Non se pode deter este avance da variante Delta coas vacinas?

Non de todo. Se con outra variante do covid, podes contaxiar a unha ou dúas persoas; coa Delta, contaxias a tres ou catro porque a carga viral é máis alta. O virus xa aprendeu a entrar no epitelio respiratorio e van xurdir variantes novas pero a porcentaxe de contaxios, a través dos vacinados, é máis baixo porque liberas menos virus. É ben levar as máscaras. En Estados Unidos, estase outra vez a levar máscara, mesmo a xente vacinada porque cambiou o virus. O 97 por cento dos hospitalizados alí non están vacinados. Mentres non estea vacinada toda a poboación, o virus vaise seguir reproducindo e vai aparecer outra variante nova e máis contaxiosa. Se hai máis contaxios, tamén haberá máis variantes. A tercera dose vaise necesitar seguramente hacia o outono. Estanse probando a Pfizer e a Moderna contra a variante Delta. Ou se vacina todo o mundo ou todo o mundo vai pasar a covid. Os nenos aínda están sen vacinar e van ser os máis desprotexidos, van estar en perigo no outono. Vanse ver máis casos graves entre os nenos. No outono e no inverno, virá a pandemia da xente non vacinada.

Os que pasan o covid tamén se deberían vacinar?

É recomendable agardar dez días para rematar a fase aguda da infección. Agora mesmo, hai un estudio clínico en marcha entre pacientes con covid persistente que comezaron a recuperarse despois de vacinarse e en seguida. Alguén que pasou a enfermidade cunha só dose de vacina ten máis inmunidade que outro, que non a pasase, coas dúas. Aínda un ano despois de pasar a covid, tes inmunidade pero fai falta unha dose de vacina de reforzo.

Debería haber unha vacinación común para todos os países, recoñecida internacionalmente?

Levamos só dezaoito meses con todo isto. A Organización Mundial da Saúde (OMS) puxo en marcha o acelerador Covax para garantir as vacinas. Iso está ben. Algúns países teñen dificultades para poñer as vacinas de ARN por non teren conxeladores. É importante non deixar que caduquen. En outono, caducarán as que se fixeron en Estados Unidos e deberanse liberar. E en España, se non están vacinados os rapaces desde os 12 anos seguirá o problema, xurdirán novas variantes. Non se debe deixar grupos de idade atrás.

Notou moita diferenza na política sanitaria de Estados Unidos de cando estaba Trump a agora, con Joe Biden?

Moita. Trump comprou moitas vacinas, fixo un investimento importante, pero sen xeito. Creou o espírito negacionista contra as vacinas, máis da metade da poboación non se quere vacinar. Difundiu a idea de que hai que convivir co virus. E o Goberno está agora ofrecendo descontos do 20 por cento na compra do supermercado para que a xente se vacine alí mesmo. Mesmo che dan a elixir a vacina que queres poñerte. É moi patético! Con Biden, foron cambiando moitas cousas. Deu diñeiro para investigar o covid persistente e vacinas para todos desde marzo. Tamén deu moitas axudas a nivel social. O que aínda está en vigor, e non se entende moi ben, é que non se poida viaxar a Estados Unidos sen ter o pasaporte americano.

E que lle parece a política sanitaria que se levou a cabo en España?

Emprégase a dexametasona, un corticoide que baixa a inflamación e que está funcionando ben, pero a grande promesa son os anticorpos monoclonais, que están a sacar a xente das Ucis. 

"Levar un golpe na cabeza cambia a flora intestinal"

Deixoulle tempo o covid a seguir traballando na súa investigación anterior, sobre a relación da microbiota intestinal co funcionamento do cerebro?

Si, seguimos avanzando. Vimos de publicar un estudio sobre os cambios de microbiota nos xogadores de fútbol americano despois de sufrir contusións cerebrais derivadas da práctica deste deporte.

A que conclusións chegaron?

A conclusión principal é que, ante un dano cerebral, funciona mellor para a súa recuperación o consumo de alimentos prebióticos (que axuden a producir certas bacterias intestinais) que os transplantes fecais. Regulan mellor o sistema inmune. Isto funciona tanto no caso dos ictus como de lesións cerebrais derivadas de traumas.

Como se pode entender isto? Que a flora bacteriana influíse nas posibles lesións cerebrais que sufriron os xogadores de fútbol americano?

Recollemos sangue, feces e saliva dos xogadores durante a tempada deportiva. As análises da microbiota revelaron un descenso de dous tipos de bacterias, a eubacterium rectale e a anaerostipes hadrus despois dunha contusión diagnosticada. A principal conclusión da nosa investigación é que levar un golpe na cabeza cambia a flora bacteriana intestinal e a flora que se teña é importante para diagnosticar as lesións cerebrais. É moi importante recordar que a xente nova non dea cabezazos ao balón cando xoga ao fútbol porque isto, na idade infantil, pode causar inflamacións no cerebro cando teñan 20 ou 30 anos.

"Un 80% dos enfermos covid que son hospitalizados teñen déficit de...
Comentarios