Un "motín" contra o xefe, que non tivo apoio político, enfronta os bombeiros

Un grupo negociaba por libre coa alcaldesa, que agora busca dirección para un servizo en crise

Bombeiros, nun servizo na rúa Cidade de Viveiro. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Bombeiros, nun servizo na rúa Cidade de Viveiro. VICTORIA RODRÍGUEZ

"Houbo un motín a bordo, alguén tiña que ir pola quilla, amotinadores ou xefe, e foi este", afirma un bombeiro do Concello de Lugo para explicar o que acaba de suceder nun dos servizos municipais máis delicados. A explicación coincide coa que ofrecen outros bombeiros, de afinidades políticas e sindicais diversas, que ven aspiracións en parte deses "amotinadores" e intereses políticos. A versión destes é que só os move o obxectivo de mellorar o servizo e de "acabar co criterio de cubrir as prazas a dedo, nomeando o máis antigo".

Desencontro e difícil búsqueda dun substituto

O xefe dos bombeiros, Miguel Vila, que exercía de forma provisional dende hai aproximadamente tres anos e medio, adiantou a xubilación despois de que nos últimos meses se sentira ninguneado por parte dos seus subordinados e de que esta situación dera lugar a un forte desencontro coa alcaldesa, Lara Méndez, no transcurso dunha reunión na que se viu desautorizado.

Vila, persoa que fuxe de polémicas, rexeitou explicar os pormenores da situación que o levou a deixar o cargo de forma precipitada. O goberno local, a través do seu departamento de comunicación, limitouse a reiterar que ese traballador xa está "fóra de servizo"; que, mentres non convoque a praza de sarxento xefe, nomeará un xefe provisional, e que non descarta buscalo noutro servizo municipal, probablemente ante a dificultade de atopar substituto no departamento, xa que o único cabo que hai rexeitou o posto. É unha solución á que o goberno xa recorreu para o parque móbil, que agora está baixo a responsabilidade do secretario municipal. Nalgúns ámbitos barállase a Enrique Fernández Fraga, responsable municipal de Protección Civil, con moita experiencia en asuntos de seguridade e profesional aprezado. El descártao.

Outra opción sería que os bombeiros dependeran directamente do director xeral de Recursos Humanos, pero non semella unha solución moi viable ao ser un servizo tan específico e sensible, ou dun técnico, como xa houbo nalgunha época, como recordaba este martes o edil do Partido Popular Enrique Rozas.

O Caudal Fest, un festival que prevé reunir a 15.000 persoas a fin de semana, e a inminencia do San Froilán fan urxente a búsqueda dunha solución.

Descontento co servizo, aspiracións e afinidade política

Cando en 2015, a alcaldesa nomeou xefe a Vila, por escala e antigüidade, a decisión foi recibida con expectativas por algúns compañeiros e con recelos por outros, que defenden que se deben convocar as prazas por oposición ou por concurso-oposición. Neste grupo hai profesionais aos que aínda lles quedan moitos anos de servizo e outros con militancia ou afinidade a UXT e ao PSOE, o que seguramente propiciou que nos últimos meses houbera unha interlocución fluída coa alcaldesa e na que en ocasións se deixou á marxe ao xefe dos bombeiros. A outra parte achácalles interese en promocionar antes de que haxa oposicións e poidan entrar no corpo ou ascender persoas con igual ou superior titulación e méritos.

O verán e os reforzos, arma de dobre filo

As diferenzas acentuáronse cando Vila organizou as quendas para o verán, nas que estableceu seis bombeiros en cada unha. Por baixas e outras circunstancias, chegado o día, algúns grupos víronse con cinco bombeiros e esa situación deu lugar a discrepancias sobre a necesidade de reforzalas chamando a bombeiros á casa. Como Vila non o vía necesario, algúns responsables de quenda chamaban á alcaldesa -como pedira esta "verbalmente, sen ningún escrito", cando houbera ese número de efectivos, din os bombeiros que non compartían esa forma de proceder- e Méndez autorizábaos.

Algúns bombeiros rexeitan o recurso sistemático aos reforzos na crenza de que é unha maneira de "arranxarlle a situación aos políticos" e de que estes demoren a convocatoria de prazas. Do outro lado, hai quen argumenta que a falta de reforzos podería poñer en risco a seguridade da cidade e dos propios bombeiros. E hai quen lembra que teñen pendente de cobro parte dos reforzos do ano pasado e os deste ano.

Así mesmo, para o mes no que Vila estivera de vacacións decidiuse que exercera como responsable de cada quenda o bombeiro máis antigo, ao haber só unha quenda con cabo, aspecto no que eses bombeiros críticos, e outros, tamén están en desacordo. Insisten en que hai que convocar as prazas. A diferenza doutros servizos, en bombeiros hai tropa e apenas xefes. Hai 54 prazas, das que hoxe están cubertas 38, nas que hai efectivos de baixas por enfermidade e outros próximos a xubilarse.

Un escrito tralo que algúns ven unha "vendetta"

As reunións coa alcaldesa dos últimos meses deron lugar ao rexistro dun escrito -en agosto, cando Vila estaba de vacacións- por parte dos presuntos "amotinadores" no que pedían melloras e cambios no servizo e que era case unha enmenda á totalidade ó labor do xa exxefe. Nalgún punto referíanse "a un mal funcionamento del servicio que en muchas ocasiones genera caos e incertidumbre". Propoñían un novo organigrama cun director técnico-xefe de servizo, fórmulas para nomear os mandos, que se crease unha comisión para mercar material e a percepción de dietas de manutención, entre outras cuestións. A manobra e o posterior desencontro político provocaron que Vila marchara e que o enfrontamento entre os bombeiros se agravara.

Comentarios